NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e o Instituto Cervantes promoven a lectura de Emilia Pardo Bazán

O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora co Instituto Cervantes na lectura virtual de “La madre naturaleza”, unha das obras de Emilia Pardo Bazán (1851-1921). A actividade insírese na programación de xuño do Club de Lectura que mantén o Cervantes que promoverá e dinamizará o debate da man de María López Sández, especialista na obra da autora coruñesa. Esta actividade inclúese na programación deseñada polo CCG para conmemorar o centenario do pasamento de Pardo Bazán.

O Club de Lectura do Instituto Cervantes centra a súa lectura do mes de xuño nunha das obras iniciais de Emilia Pardo Bazán. Trátase de “La madre naturaleza” obra que a autora publicou en 1887 como continuidade doutra novela, “Los Pazos de Ulloa”, que provocou un grande escándalo no mundo literario da Restauración. En “La madre naturaleza” a autora persiste en temas como o das dimensións ocultas da alma, do conflito entre os instintos e a razón, o retroceso cara a animalidade, que son tratados dunha forma que amosan a fondura do compromiso da autora co naturalismo. Con todo, nesta ocasión o núcleo do relato (os amores incestuosos dos dous adolescentes que protagonizan a novela) impónse aos elementos sociais que acompañan a trama.

O día 15 comeza o debate e a participación que estará dinamizado pola coordinadora de clubes virtuais de lectura, María Antonia Moreno Mulas, e por María López Sández, especialista na obra de Emilia Pardo Bazán. O calendario inclúe tamén un chat con esta última o día 29 de xuño.

Actividades para o centenario
Esta proposta inclúese no marco do calendario dunha serie de actividades previstas para conmemorar o centenario do pasamento da novelista. No día da morte, 12 de maio, o Consello da Cultura Galega puxo en rede o seu epistolario por mor do convenio asinado coa Real Academia Galega. Son 156 cartas enviadas e recibidas entre os anos 1879 e 1917 a diferentes interlocutores, como a súa amiga e comadre Carmen Miranda Armada; Eduardo Pondal; Marcelino Dafonte, director de “La Voz de Galicia”, José Alguero Penedo, notario de Betanzos e artista que colabora no deseño e decoración figurativa na construción das Torres de Meirás. O epistolario presentouse no marco dun especial que concentra máis información sobre esta polémica, criticada e a un tempo tamén respectada intelectual.

As actividades programadas estenderanse no calendario ao longo de todo o ano. Unha das próximas citas do calendario está no mes de outubro, cando terá lugar o Congreso sobre Emilia Pardo Bazán. A última sesión (29 de outubro) desenvolverase no Consello da Cultura Galega,s que deseñou unha programación pensada para situar o feminismo de Pardo Bazán no seu contexto histórico e abordar as súas características. A sesión remata tamén coa proxección do audiovisual “As mulleres do porvir”, adaptación da obra de Dorotea Bárcena inspirada na obra de Concepcion Arenal e que ten a Emilia Pardo Bazán como unha das súas protagonistas.