NOTICIA

----

Brigitte Vasallo participa mañá no ciclo de reflexión “Pensarmos”, que para no verán

A escritora, profesora e activista Brigitte Vasallo (Barcelona, 1973) participa mañá no ciclo “Pensamos”, iniciativa da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). Vasallo, coñecida especialmente pola súa crítica da islamofobia de xénero, a denuncia do purplewashing e o homonacionalismo, así como pola súa defensa do poliamor nas relacións afectivas, ofrecerá un relatorio titulado “As mentiras na linguaxe”. A profesora de Ciencias Políticas da USC Marta Lois dialogará con Vasallo no marco deste formato de reflexión coordinado por Carme Adán. As prazas están esgotadas, pero pode seguirse en directo desde o web do CCG e as súas redes sociais.

O ciclo “Pensarmos” para durante os meses de xullo e agosto. Para despedir esta primeira volta do ano contará coa participación dunha pensadora moi coñecida como é Brigitte Vasallo. Autodefínese como “escritora aos tombos e formadora, investigo sobre a construción da alteridade, a violencia e o capitalismo atravesados polo xénero. Emprego o feminismo como ferramenta pero non como identidade. Se teño que definirme digo que son txarnega e marimacho, que é como non dicir nada nin moi concreto, nin moi pechado, nin moi estable”. Este xoves sentarase nas cadeiras de pensar con Marta Lois, doutora en Ciencia Política e profesora da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, cunha liña de investigación centrada no campo dos estudos de xénero, poder, toma de decisións, teoría feminista contemporánea e políticas públicas.

A contar mentiras
O ciclo “Pensarmos” dedica este ano 2021 a falar sobre un concepto tan filosófico como é o da verdade, pero enfocado ao que hai no fondo, a saber como se constrúen as mentiras en distintos ámbitos. A construción deses discursos falsos, a súa difusión e a permanencia en ámbitos tan dispares como o amor, a xustiza ou a ciencia é sobre o que falarán, a modo de diálogo, os diferentes participantes.
O ciclo comezou coa científica Eulalia Pérez, que tratou das mentiras na ciencia. Despois foi o escritor Luisgé Martín quen abordou as mentiras no amor e na literatura. A xuíza Garbiñe Biurrum falou das mentiras da xustiza.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo “Pensarmos”, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, humanismo dixital… son algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron máis dunha ducia de persoas, como Javier Echevarría, José María Lasalle, Fernando Broncano ou Margarita Boladeras. Todas as intervencións foron gravadas e pódense consultar desde o web institucional e a nosa canle de youtube.

Sección de Pensamento
Este ciclo está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a Nieves Herrero, Marta Lois, Mariló Candedo, Francisco Castro, Xoán Antonio Pérez Lema, Juan Tallón, Luisa Martínez e Ramón Máiz. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus, Karl Marx ou Hannah Arendt.