Xoan Lagares asina a biografía de Don Eladio, a última incorporación ao Álbum de Galicia, que nos achega a un home tremendamente comprometido co galeguismo na altura de principios do século XX. Estivo presente na constitución na Coruña da primeira Irmandade de Amigos da Fala; foi membro fundador, secretario e presidente da Real Academia Galega, promoveu a creación do grupo folclórico musical Cántigas da Terra, e moitas outras máis.
A súa grande obra foi o Diccionario enciclopédico gallego-castellano, un compendio etnográfico e tamén un instrumento lingüístico que servirá de base para o establecemento dunha posterior lexicografía galega. Di Lagares na súa entrada que “alén do número de palabras recollidas e clasificadas durante anos en fichas, o Dicionario de don Eladio presenta nas definicións unha enorme cantidade de informacións históricas, xeográficas, etnográficas e literarias que constitúen unha síntese completa da Galiza do seu tempo. Consideracións sobre as formas de vida do mundo rural e sobre as diversas manifestacións da cultura popular no tránsito do século XIX ao século XX retratan unha realidade que o propio autor recoñece estarse esluíndo. Do punto de vista lingüístico, débese destacar a atención que se presta no dicionario á fraseoloxía”. Non o viu publicado xa que o primeiro volumen saiu ao mercado en 1958, 14 anos despois da súas morte. Mentres que o segundo e o terceiro viron a luz en 1960 e 1961, respectivamente.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.
Corección: A nova foi corrixida o 24 de xuño por erro no titular, no que se lle atribúe a Eladio Rodríguez o primeiro diccionario da Real Academia.


