----

Florencio Delgado Gurriarán será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022

O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 2 de xullo de 2021, que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022 será Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987). Avogado de formación, foi poeta, articulista, tradutor, editor literario e intelectual de referencia no activismo cultural e político do exilio en México. No eido literario, é autor dos poemarios Bebedeira (Editorial Nós, 1934), Galicia infinda (Galaxia, 1963), Cantarenas (Ediciós do Castro, 1981) e O soño do guieiro (Ediciós do Castro, 1986). Así mesmo, a súa estreita colaboración con outros autores galegos no exilio deu como froito colectáneas poéticas como Cancioneiro da loita galega (1943) ou o volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1946). Tamén foi un dos fundadores de Vieiros. Revista do Padroado da Cultura Galega de México (1959-1968). En 1981 foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega. A través da homenaxe a Delgado Gurriarán, a RAG quere recoñecer o importante labor cultural do exilio republicano en México. Para ampliar esta nova, preme aquí.