----

O Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez convocan dúas bolsas para creación e investigación

O Diario Oficial de Galicia do 14 de xullo publicou as bases que rexen a convocatoria do Consello da Cultura Galega de dúas bolsas de estadía durante tres meses na Casa de Velázquez en Madrid. Trátase dun programa de intercambio promovido por ambas entidades coa finalidade de contribuír á proxección da cultura galega no exterior, notablemente no mundo francófono. Estas bolsas créanse en homenaxe á actriz María Casares, que foi o máximo expoñente da presenza da cultura galega en Francia. Hoxe comeza o prazo de presentación de solicitudes e estará aberto ata o 16 de agosto.

A convocatoria establece que o Consello da Cultura Galega ofrecerá unha axuda de custo (1.100 euros) para unha estadía de tres meses que se ha de desenvolver entre o 15 de setembro e o 30 de decembro; mentres que a Casa de Velázquez se encarga do aloxamento e de poñer a disposición das persoas beneficiarias da bolsa os espazos de traballo e de documentación dos que dispón.

Para ambas as dúas bolsas, a persoa beneficiaria deberá estar en posesión dun título universitario (conseguido con posterioridade ao ano 2009) e presentar unha memoria-proxecto. No caso da bolsa de investigación, a proposta ha de pertencer ao ámbito das ciencias humanas e sociais, cuxas fontes ou terreo de referencia se atopen en Madrid, e terá que ver coa cultura e a historia de Galicia e a proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono. Para a bolsa de creación (debuxo, cine, fotografía, gravado, vídeo ou composición musical), a persoa candidata deberá estar avalada por un responsable dun centro de creación, ou dun museo ou dun conservatorio. No proxecto de creación deberase xustificar tanto a necesidade da estadía en Madrid como a da proxección da cultura galega.

Casa de Velázquez
A Casa de Velázquez ten a misión de desenvolver actividades creadoras e investigacións relacionadas coas artes, as linguas, as literaturas e as sociedades de países ibéricos, iberoamericanos e do Magreb. Tamén ten a vocación de contribuír á formación de artistas, investigadores e docentes-investigadores así como de participar no desenvolvemento de intercambios artísticos e científicos entre Francia e os países relacionados.

Este convenio insírese nunha liña de traballo continuada entre o Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez, grazas á que se desenvolveron actuacións como o seminario realizado en 2009 baixo o título“Imaxinarios nacionalistas e identidade nacional española no século XX”. Esta liña de acción encádrase dentro do mandato fundacional do Consello da Cultura Galega de investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, así como de organizar actuacións culturais apropiadas aos obxectivos do Consello dentro e fóra de Galicia.