Incorpórase ao Álbum de Galicia a biografía de Aníbal Otero

O filólogo lugués Aníbal Otero (Barcia, Ribeira de Piquín 1911-1974) é coñecido principalmente por ser un dos enquisadores do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, así como pola súa detención (e posterior condena) cando estaba a facer traballo de campo en Portugal no momento da rebelión militar de 1936. Ora ben, as súas contribucións van ben máis alá. Foi recolector destacado de romances, redactor de numerosas contribucións lexicográficas e etimolóxicas e tamén creador literario, se ben que boa parte dos seus escritos permanece inédita. O profesor Xosé Afonso Álvarez Pérez asina a entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia.

Aníbal Otero Álvarez nace en 1911 en Barcia, Ribeira de Piquín. Por mor do traballo do seu pai desprázase a Valladolid cando ten dez ano. Alí realiza o Bacharelato e comeza a estudar na Facultade de Letras. En 1928 comeza os estudos de Filoloxía Románica en Madrid e inicia a súa colaboración co Arquivo do Romanceiro Hispánico de Ramón Menéndez Pidal e María Goyri.

Nesta etapa entra como bolseiro no Centro de Estudios Históricos que o destina a facer enquisas en Galicia para o Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). Entre xullo de 1934 e decembro de 1935, Aníbal Otero explora corenta e sete localidades galegas como enquisador único e outras seis, no sueste ourensán, coa compaña de Aurelio M. Espinosa. No marco dese traballo é selecionado para explorar Portugal. Xunto con Armando Nobre de Gusmão, designado para este traballo polas autoridades lusas, chega a Lisboa e comezan a enquisar nas proximidades da capital, pero non tardan en desprazarse a terras lindeiras con Galicia; será en Paderne (Melgaço) onde reciban as primeiras noticias da rebelión militar en España. Mentres realizaba ese traballo foi detido pola policía portuguesa en Valença do Minho, que o entrega inmediatamente ás autoridades sublevadas españolas, por consideralo confidente do goberno republicano.

Aníbal Otero espera no cárcere de Tui o Consello de Guerra, celebrado o 5 de marzo de 1937, que o condena a reclusión perpetua polo delito de rebelión militar. Pasa polas prisións de Vigo, San Simón, Burgos e Figueirido, de onde foi liberado o 22 de maio de 1941, tras serlle rebaixada a súa pena. Con todo, a cadea non interrompe o labor filolóxico de Otero, quen fai enquisas dialectais entre os presos e continua a súa recolección de romances. Traballa tamén na súa vocación literaria, coa escrita de poemas ambientados no cárcere e tamén dun relato autobiográfico, Esmoriz, que narra as circunstancias da súa detención e da vida carceraria.

Segue a recoller léxico para o seu Vocabulario de San Jorge de Piquín, que se publicará postumamente, e organiza as súas investigacións para dar ao prelo artigos encadrados en dúas series: «Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués» (Cuadernos de Estudios Gallegos¸ de 1949 ata morte) e «Contribución al léxico gallego y asturiano» (Archivum, 1953-1964). Tamén continúa coa recolección de romances para Menéndez Pidal, con quen ten frecuente intercambio epistolar. En 1949 casa coa súa prima Asunción Álvarez, e nese mesmo ano nace o seu fillo Horocel, con espiña bífida, unha doenza que marcará o resto da vida de Aníbal, tanto polos coidados médicos que precisa coma polo impacto emocional.

En 1957 é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e, en 1964, é designado numerario, posición da que pide renunciar (por mala saúde e pouco ánimo) e que perde, ademais, por non chegar a ler o seu discurso, a pesar de varias premas. Por mor dunha depresión pasa a ser internado no sanatorio psiquiátrico en Compostela e, nunha das súas saídas, morre en Barcia.

A súa entrada inclúe poemas e cartas do propio Aníbal Otero, así como documentos de Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero sobre el.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.