Unha tese da UVigo constata os beneficios da socialización bilingüe na etapa infantil
23/7/2021
A investigadora Marta Díaz Ferro presentou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento sobre a socialización bilingüe infantil nunha escola de Vigo. O estudo, accesible en formato PDF no repositorio institucional da universidade, analiza o impacto da socialización e alfabetización en galego en nenos de 4 e 5 anos procedentes de familias castelanfalantes e bilingües galego-castelán. Entre as súas conclusións Marta Díaz afirma que "o bilingüismo conseguido, na etapa estudada, tenderá a ser aditivo, xa que non se observa que os nenos sufran dunha merma comunicativa por causa do input en galego". A tese contén tamén unha serie de propostas en relación coa vehicularidade do galego no ensino non universitario, confrontando o recollido no Decreto 79/2010 cos resultados da investigación.