<img src="http://consellodacultura.org/files/2010/06/miralles-para-web.jpg" alt="" />
<em><div id="pedefoto">Eduard Miralles e Ramón Villares no relatorio que se levou a cabo na Biblioteca do CCG.</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2010.</em>- As “Institucións da cultura” foron hoxe o centro do debate na segunda quenda dos cinco “Foros de reflexión estratéxica sobre a cultura galega”, organizados polo Consello da Cultura Galega. O relatorio de Eduard Miralles, Presidente da Fundación Interarts, e as reflexións que o seguiron fixeron fincapé na necesidade de “invertir en cidadanía cultural” e buscar acordos que permitan invertir en información, coñecemento e innovación para dinamizar un sector que precisa cada vez máis coordinación e cooperación e tamén de procedementos de avaliación. O programa dos Foros continuará o vindeiro 22 de xuño coa reflexión sobre “Cultura e mercado”.
<!--more-->Eduard Miralles, xestor de programas e servicios culturais e asesor de relacións culturais da Diputación de Barcelona, referiuse á mestizaxe público-privado e aludiu ao mal funcionamento da consideración estricta das categorías “Estado, Mercado e Sociedade” en materia cultural. Falou da gobernanza multinivel e da inevitable transversalidade que requiren unha cooperación cada vez máis intensa. Lembrou tamén a necesidade de recuperar os conceptos “interese xeral, utilidade pública ou responsabilidade social” e a conveniencia de priorizar a creación (fronte á difusión cultural) e propiciar “unha cidadanía culturalmente activa, quen de se converter en centro das dinámicas culturais”.
Este segundo Foro sobre “As institucións da cultura” foi coordinado pola catedrática de Filoloxía da Universidade de Santiago e Directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez. O papel da sociedade civil, a cooperación entre entidades, a relación coas Administracións Públicas, a necesidade de fortalecer o tecido cultural e a acción cultural das entidades financeiras foron algúns dos temas de reflexión nun debate intenso, que se prolongou en sesións de mañá e tarde na Biblioteca do Consello da Cultura Galega e no que participaron trinta xestores, expertos e representantes de diferentes entidades culturais.
<br>
ESPAZO ABERTO
Estes Foros son a segunda fase dun proceso aberto, plural e participativo, iniciado en xaneiro con propostas e consultas a diferentes representantes do sector cultural, convocados desde o CCG na procura de suxestións arredor de estratexias de futuro da cultura galega. O grupo de traballo, dirixido por Xosé López García e con Xaime Subiela como coordinador técnico, remitiu un cuestionario a trescentas persoas representativas do sector cultural e da sociedade. As respostas recibidas permitiron compoñer os materiais de traballo para esta fase (xuño-xullo) con cinco foros de reflexión, dos que deberán sair propostas, que se abrirán ao debate, a través dos soportes do CCG na Rede, no mes de setembro. Co conxunto das achegas o equipo coordinador elaborará, en outubro, un documento de integración coas orientacións estratéxicas para o futuro da cultura galega, que serán remitidas ás institucións públicas, culturais e sociais.
No programa figuran outros tres Foros: os de “Cultura e mercado” (22 de xuño), “Contidos da cultura” (8 de xullo) e un debate, en rede, sobre “Proxección exterior”.

