----

O Concello do Grove presenta un programa de fomento do galego entre a mocidade

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove está a organizar o programa "Bicos con lingua. Unidade didáctica", que se desenvolverá durante os meses de setembro e outubro de 2021 e que ten como obxectivo dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade. O programa inclúe diferentes accións de carácter lúdico e didáctico, como a presentación da obra "Bicos con lingua" (de Talía Teatro), a difusión dunha unidade didáctica sobre esta mesma obra teatral entre o profesorado de Lingua Galega dos institutos de secundaria do concello, a organización dun certame de TikTok para poñer en valor a variedade dialectal falada no Grove, ou a impartición entre o alumnado da ESO da charla "Xeliña fala galego. Un modelo de escritora monolingüe", a cargo da profesora Patricia Arias Chachero. Para ampliar información, preme aquí.