O acto que se celebra no Congreso dos Deputados pon o ramo a unha serie de celebracións que arrincaron o 21 de marzo, cando se cumpriu o trixésimo aniversario do Instituto Cervantes.
O Cervantes foi creado polo Goberno de España, co consenso de todas as forzas parlamentarias, no marco da acción exterior do Estado e cun dobre obxectivo: a promoción do español e as linguas cooficiais, así como da cultura española e dos países de fala hispana. Nestes trinta anos o Instituto Cervantes artella a súa acción a través dunha nutrida rede de centros que está espallada en 94 centro de 47 cidades.
O Consello da Cultura Galega e o instituto Cervantes
O Consello da Cultura Galega mantén desde hai anos unha fluída e estreita colaboración co Instituto Cervantes que arrincou en 2010 cando os daquela representantes de ambas entidades, Ramón Villares e Carmen Caffarel respectivamente, asinaron o primeiro protocolo xeral de colaboración para o desenvolvemento de accións e iniciativas conxuntas de difusión do galego e de impulso da diversidade cultural. Isto traduciuse en numerosas actividades como exposicións, conferencias ou ciclos de cinema que se organizaron nos centros que se intensificou nos últimos anos.

