Son tres denominadores comúns que conflúen nesta cita que, durante dous días, permitirá coñecer por primeira vez de maneira conxunta, as investigacións que un grupo heteroxéneo de investigadores desenvolve desde o ano 2016. O primeiro deles é xeográfico, porque todas as investigacións que se expoñen nesta cita teñen lugar no concello da Proba de Brollón. O segundo deles é o temporal, xa que poñen o foco no período que vai entre a Tardoantigüidade e a Idade Media. O terceiro, é que todas as investigacións parten da complicidade da comunidade local, xa que os investigadores foron construíndo os seus proxectos a partir da información facilitada pola propia veciñanza. Son, por tanto, proxectos construídos desde abaixo cara arriba sobre un territorio da Ribeira Sacra, no foco social e turístico desde a súa declaración de Patrimonio da Humanidade e Reserva da Biosfera.
O programa
O programa está dividido en dous días diferenciados. No primeiro ten lugar a posta en común dos resultados das investigacións científicas encamiñadas a coñecer mellor como se configurou a paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Son unha serie de escavacións desenvolvidas no territorio que comezaron cos traballos realizados no Castro de San Lourenzo, seguida dos Conventos e das Adegas da Memoria. Esta xornada, de corte académico, está dividida en tres mesas. A primeira titúlase “Materialidades medievais” e pretende analizar todos os espazos e obxectos materiais vencellados a este territorio. Analizará as eremitas, covas, santuarios, ou as diferentes cerámicas medievais atopadas nos diferentes traballos. A segunda mesa chámase “A reconstrución da paisaxe desde fontes diversa” e pon sobre a mesa os recursos documentais, as fontes orais e as investigacións edafolóxicas para coñecer máis sobre a orixe do terreo actual. Nesta participan Cruz Ferro, da Universidade do Algarve, Víctor Rodríguez da Universidade de Vigo e Xurxo Ayán da NOVA de Lisboa. A terceira mesa titúlase “Pensamentos e sociedades medievais” e Juan Palo López García, Olga Novo e Puri Díaz Ferreiro comentarán sobre identidade, memoria emocional e territorio.
O segundo día servirá para poñer de manifesto as posiblidades turísticas a partir das intervencións realizadas. A primeira é unha visita guiada de Xurxo Ayán polo castro e a necrópole medieval de San Lourenzo. O propio Xurxo, xunto con Olga Novo, farán unha segunda visita a través da o casco medieval da Pobra. A sesión remata na visita da tarde coa visita a Vilachá, concretamente ao Miradoiro da Capela e ao conxunto etnográfico das adegas.



