O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega leva un lustro organizando un ciclo de xornadas arredor do 25 de novembro (Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller) que busca visibilizar as diferentes formas de violencia de xénero que se exerceu e se exerce sobre as mulleres. Despois de abordar aspectos como a violencia sexual, o ciberacoso ou a violencia comparada, este ano pon os ollos na violencia institucional. Faino a través dos relatorios de tres investigadoras novas que describen a violencia exercida polas institucións no desenvolvemento da súa acción.
O programa
A historiadora Raquel Fernández falará sobre a violencia institucional contra o movemento feminista organizado en Galicia durante a Transición, máis concretamente entre o período que discorre entre 1976 e 1983. Céntrase na violencia menos cruenta, pero tamén a máis recorrente porque ten unha función desmovilizadora e coercitiva. Centrará o seu relatorio en falar da prohibición de actos públicos, das cargas policiais, detencións e sancións económicas e nas interevencións policíais desenvolvidas nestes anos.
Pola súa parte, a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, Amara G. Adán, falará de como se constrúe unha forma de violencia nos procesos xudiciais que abordan casos de violación. O seu traballo, que foi Premio de Fin de Grao (TFG), amosa como están presentes os prexuízos na propia estructura interna xudicial e que afecta a toda a argumentación xurídica e que mesmo poden restar credibilidade ao testemuño dunha vítima de violencia sexual. Nesta mesma liña está tamén o relatorio de Sabela Pérez que afondará nas eivas existentes no sistema que reproduce a cultura machista no que está inserto e que perpetúa a vulneración dos dereitos das mulleres. No seu caso concreto, Sabela prestará atención á revitimización derivada dos mitos e estereotipos machistas reproducidos polos axentes que traballan nas mesmas, a insuficiente formación en xénero destes axentes e as consecuencias que a violencia machista institucional ocasiona sobre as mulleres.
A xornada é presencial, retransmítese en directo a través do web e das redes sociais da institución e serán gravados para futuras consultas.



