----

A CRTVG convida aos centros de ensino a participar no #DígochoEu

A Compañía de Radio Televisión de Galicia presenta o Concurso #DígochoEu, dirixido a centros escolares de Galicia (educación primaria e secundaria), ou de fóra de Galicia que impartan a materia de lingua galega. O profesorado interesado en participar debe enviar un bosquexo de guión para un capítulo do #DígochoEu dunha duración aproximada de 1 minuto, usando a lingua galega e contando coa participación activa do alumnado. Tras seleccionar as 10 propostas máis orixinais e creativas, o equipo do #DígochoEu elaborará o guión definitivo e acudirá ao centro para gravar o programa. Unha vez emitidos todos os episodios (previsiblemente en maio de 2022), un xurado independente outorgará tres premios: un primeiro de 2. 000 euros, un segundo de 1.000 euros e un terceiro, de 500. O prazo de presentación de propostas remata o 12 de decembro de 2021. Podes consultar as bases completas e obter máis información sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.