Santiago de Compostela, 1o de xuño de 2010.- O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe, a proposta do Conselleiro de Cultura e Turismo, o decreto polo que se nomea a Ramón Villares Presidente do Consello da Cultura Galega. O nomeamento realízase logo da elección efectuada polo CCG en sesión extraordinaria do seu Plenario e por unanimidade, para un segundo mandato (2010-2014) o pasado 20 de abril. Ten lugar tamén despois da súa comparecencia, a petición propia e por vez primeira, ante Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia en cumprimento da lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na administración pública galega. O decreto producirá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Cómpre recordar que na súa comparecencia ante o Parlamento de Galicia, o pasado 3 de xuño, Ramón Villares explicou as os proxectos e as liñas básicas de traballo do Consello da Cultura Galega, que foron acollidas positivamente polos tres grupos parlamentares (PP, PSdeG-PSOE e BNG).

PERFIL BIOGRÁFICO

Ramón Villares Paz naceu en 1951. É catedrático de História Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e Presidente do Consello da Cultura Galega desde abril de 2006. Foi reelixido para este cargo o 20 de abril de 2010.

Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia no período 1986-1990, rector da Universidade de Santiago de Compostela entre 1990 e 1994 e membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea(1996-2002).

Foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2005) e, desde 2006, é membro numerario da Real Academia Galega. Tamén pertence a varios patronatos de centros e fundacións (Museo do Pobo Galego, Fundación Juana de Vega, Fundación Luis Seoane ou Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros)

É autor de numerosas publicacións, entre as que destacan libros como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, Siglo XXI Editores, Madrid, 1982, Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia, Edicións Xerais, Vigo, 1982, Galicia. A Historia, Editorial Galaxia, Vigo, 1984 (con versión en lingua española e portuguesa), Figuras da nación, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1997 e El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX, Editorial Taurus, Madrid, 2001 (en colaboración con Angel Baamonde) ou Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista, Fundación Otero Pedrayo/Real Academia Galega, 2007.

Desde 2007 codirixe, con Josep Fontana, unha Historia de España (Critica/Marcial Pons) na que é autor (con Javier Moreno Luzón), do volume 7, Restauración y Dictadura, 2009.

Desde 1988 ten dirixido ou coordenado varios proxectos de investigación logrados en convocatorias competitivas, sobre temas de historia agraria, historia cultural e historia política. Tamén é avaliador de proxectos para diversas axencias de investigación científica en España e Portugal.