A xente nova incrementa o seu interese por agasallar produtos culturais cando están en galego
16/12/2021
O Consello da Cultura Galega presenta un avance do estudo Disposición a agasallar contidos culturais a menores de 16 anos en Galicia, froito dunha enquisa sobre os hábitos culturais da infancia en Galicia e a percepción social sobre a oferta dispoñible de produtos culturais para menores de 16 anos. En termos xerais, os datos obtidos amosan que a poboación galega ten boa disposición a agasallar contidos culturais aos menores (7,9 puntos, nunha escala de 0 a 10), aínda que ese interese se reduce lixeiramente (7,6) se falamos de contidos culturais en lingua galega. Con todo, resulta interesante salientar que en determinados sectores da poboación (xente máis nova, estudantes e persoas que lles falan galego aos seus descendentes) o interese por regalar produtos culturais aumenta cando estes produtos están elaborados especificamente en lingua galega.