----

Tanxugueiras é a palabra do ano 2021

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, acaba de facer público que o termo elixido como Palabra do Ano 2021 é Tanxugueiras. Trátase da forma plural do microtopónimo da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense), que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro escolleron no seu día para dar nome ao seu grupo musical, converténdose na actualidade nun "referente dos novos camiños que está a abrir, con grande éxito, a música tradicional galega". No segundo posto quedou resiliencia, que é a capacidade dos seres humanos de adaptarse positivamente ás situacións adversas, mais que mellor demostración de resiliencia ante a adversidade ca a ilusión que está a transmitir en todos e todas nós a música das Tanxugueiras, como símbolo do noso máis prezado patrimonio colectivo: a cultura e a lingua galegas. Podes ampliar esta información premendo aquí.