NOTICIA

----

Incorpórase a entrada de Francisco F. del Riego ao Álbum de Galicia

Xa podes consultar no Álbum de Galicia a entrada sobre Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010), intelectual galeguista e activista cultural que en palabras da propia autora da biografía, Malores Villanueva, dedicou a súa vida a “construír un país libre e galego” e converteuse “nun home ponte entre xeracións, ideoloxías e tamén entre a Galicia de aquén e alén mar”. Colaborou asiduamente en diversas cabeceiras galeguistas, foi un prolífico autor no ámbito da investigación e divulgación lingüística e cultural e participou activamente na vida política e cultural galegas, estando o seu nome vinculado ás principais institucións culturais: Galaxia, Fundación Penzol, Real Academia Galega, Museo do Pobo Galego ou Padroado Rosalía de Castro, entre outras. O texto biográfico está acompañado doutros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas á vida e obra deste autor.