Publicados os mellores traballos fin de grao en galego no ámbito da educación social
1/2/2022
A Xunta e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia presentaron un volume que compila os traballos premiados na sétima edición do Concurso TFG.eduso, unha iniciativa que recoñece os mellores proxectos de fin de grao arredor da educación social presentados en lingua galega nas universidades públicas de Galicia nos cursos académicos 2018/2019 e 2019/2020. Deste xeito, facilítanselle ao alumnado universitario materias en galego de calidade e grande variedade temática: renda básica, prensa e proxenetismo, xestión cultural no eido local, educación afectivo-sexual, adolescencia ou vellez alén da heteronormatividade. Xa están accesibles as bases correspondentes á 8ª edición.