Positiva acollida dos grupos parlamentares á comparencia de Ramón Villares, antes de ser nomeado Presidente do Consello da Cultura Galega
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2010.- Os grupos parlamentares do Partido Popular, Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE e Bloque Nacionalista Galega acolleron positivamente a comparecencia de Ramón Villares, reelixido presidente do Consello da Cultura Galega para un segundo mandato (2010-2014), por unanimidade do Plenario da institución cultural. A comparecencia, a petición propia, levouse a cabo por vez primeira en cumprimento da lei 4/2006 de transparencia e boas parácticas na administración pública galega, incorporada ao regulamento do CCG. A comparecencia na Comisión de Cultura foi un paso previo ao efectivo nomeamento do Presidente do Consello da Cultura por decreto que terá de aprobar a Xunta de Galicia a proposta do Conselleiro de Cultura.
<!--more-->Ramón Villares, reelixido o pasado 20 de abril polo Plenario do CCG como Presidente para o período 2010-2014, explicou as liñas básicas do traballo desenvolvido á fronte da institución e a súa proxección no novo cuatrienio. Aludiu, alén das competencias xa coñecidas de defensa e promoción dos valores culturais e as funcións de asesoría dos poderes públicos, ao reforzamento das unidades de xestión e os traballos de planificación cultural. Apuntou a conveniencia de considerar a introducciòn de criterios de avaliación, por obxectivos e resultados, nas políticas culturais. Lembrou a importancia do fomento da acción exterior, xa impulsada desde o CCG nas colectividades de emigración galega e, agora tamén, en centros de excelencia universitaria (London School, Stanford, Nova Iorque ou Sao Paulo). Referiuse asemade aos obxectivos dunha maior presenza da cultura galega no ámbito da lusofonía. Salientou finalmente a importancia do carácter autónomo e independente do CCG, a respecto dos poderes públicos, que, desde a súa dimensión estatutaria, lle outorga un carácter singular, con membros elixidos polas instituccións culturais e outros de libre elección polo Plenario, e lle confire “basamentos de estabilidade e posibilidades de futuro”.
 BNG, PSOE E PP
Os grupos parlamentares acolleron favorablemente a iniciativa da comparencencia e felicitaron a Ramón Villares pola súa reelección. Tiveron tamén expresións de recoñecemento para o traballo desenvolvido polo Consello da Cultura Galega e destacaron o seu carácter independente e dialogante.
Ana Pontón (BNG) referiuse aos retos que deben asumir a cultura e a lingua de Galicia e á crise que afrontan actualmente as industrias culturais. Falou tamén da necesidade de aumentar a presenza da muller no CCG, reforzando a dimensión igualitaria e representativa.
Concepción Burgo (PS de G-PSOE) louvou as iniciativas do CCG en materia de defensa do idioma galego e amosouse moi favorable aos traballos para unha maior proxección da cultura galega no exterior e ás iniciativas a respecto dos criterios de avaliación no sector cultural.
Ignacio López Chaves (PP) fixo un percorrido pola xénese parlamentaria do CCG e referiuse ao seu carácter independente para preguntarse se era ese o mellor sistema. Plantexou tamén interrogacións en relación cos criterios de avaliación aludidos.
Na súa réplica, Ramón Villares agradeceu a acollida e o apoio do Parlamento de Galicia, defendeu a independencia do CCG, asegurou que en materia lingüística a institución “continuaría a súa liña da prudencia e firmeza” e subliñou a necesidade de dar algúns pasos para ir introducindo criterios de avaliación que permitan tamén contribuir á modernización do sector cultural de Galicia. Ramón Villares estivo acompañado por Henrique Monteagudo, secretario, e Marcelino Fernández Santiago, xerente do Consello da Cultura Galega.