----

Unha mostra exhibe o traballo de Lorena Conde, bolseira do Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez

“O desacato das danzantes” é o título do proxecto co que Lorena Conde (Pontesampaio, 1980 ) gañou abolsa de residencia artística que convocan o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Casa de Velázquez. Unha parte dese proceso creativo pode verse desde en “Casa&Co” a exposición coa que a entidade francófona exhibe en Madrid os traballos resultantes de todas as estadías realizadas en 2021.
Unha mostra exhibe o traballo de Lorena Conde, bolseira do Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez

“Un mapa conceptual con todas as miñas lecturas, reflexións, elementos de texto, imaxes evocadoras. Ao seu carón hai unha vitrina que contén documentos fundamentais para o proxecto: un exemplar do caderno de convivencia social de Carmen Werner, o libro Beatriz Busto e outros textos. E logo hai bosquexos e unha proposta de deseño de escenografía”. Estas son algunhas das ideas do proxecto de Lorena Conde que forma parte de “Casa&Co”, a mostra que hoxe se inaugura na Casa de Velázquez en Madrid. É parte do proceso desenvolveu no marco da súa estadía de creacion ao abeiro da bolsa que convocan o Consello da Cultura Galega e a entidade francófona en Madrid e que leva por título “O desacato das danzantes”.

O proxecto
“O proxecto é un compendio de varias cousas: un poemario, un obradoiro (que se desenvolveu na Fundación Jose Hierro) e proximamente un espectáculo teatral” explica Lorena. Todo parte do conto clásico de Hans Christian Andersen “De rode Skoe” (Os zapatos vermellos que Conde decidiu reescribir en 2013. Desde entón o proxecto non fixo máis que medrar. Del saíu un poemario, un laboratorio poético no Centro de Poesía José Hierro de Xetafe e que foi tomando novos derroteiros por mor da bolsa de creación artística. Durante a estadía foi cando Lorena empezou a “trenzar a relación entre o conto de Andersen coas miñas experiencias co baile folclorizado dunha asociación de coros e danzas herdeira do franquismo, coa historia do poder e de represión deste tipo de formacións que tiveron para dar unha imaxe da tradición galega moi distinta da realidade” explica. Na súa estadía en Madrid, recurtada por mor da pandemia, fixo un traballo de investigación e exploración que foi abrindo novos camiños. Nese tempo elaborou un mapa conceptual que se recrea, en parte, na mostra que estará aberta ao público ata o 22 de maio.

Casa&Co
Alén do proxecto de Lorena Conde, conta tamén coa presenza doutros artistas como Ana Cecilia Breña (Premio ENSAD na Casa de Velázquez); Jenny Abouav, Daniela Delgato Viteri e Laura Moreno Bueno (bolsas co Hangar - Institut français Barcelona); Natalia MEJÍA , Ángel Núñez Pombo (coa Fundació Miró Mallorca); Corentine Le Mestre (co Département de Loire-Atlantique); Hadrien Tranchant (Premio de Madrid co ENSBA Lyon - Le Signe; e Clara Jolly (coa EESAB - Fondation des artistes).

Bolsas de investigación e creación coa Casa de Velázquez
En 2015 púxose en marcha un programa de intercambio de investigadores e creadores que seleccionará dous proxectos que se poderán realizar nunha estadía de tres meses nas instalacións da Casa de Velázquez en Madrid. Durante ese tempo, as persoas beneficiarias desas bolsas realizan un traballo de investigación e de creación artística axustado a unha memoria-proxecto en que se valorará a relevancia para a proxección da cultura galega. Estas bolsas créanse en homenaxe á actriz María Casares, que foi o máximo expoñente da presenza da cultura galega en Francia.
En virtude deste convenio, a Casa de Velázquez encárgase da estadía e de poñer á disposición dos beneficiarios da bolsa os espazos de traballo e de documentación dos que dispón. Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega ofrece unha axuda de custo.

Esta liña de acción encádrase dentro do mandato fundacional do Consello da Cultura Galega de investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, así como de organizar actuacións culturais apropiadas aos obxectivos do Consello dentro e fóra de Galicia.

Foron receptores destas bolsas Francisco Cebreiro Ares, na modalidade de investigación, que analizou os pormenores que imbricaron o porto galego da Coruña coa estrutura financeira española e mundial na fin do Antigo Réxime. No ámbito da creación foron bolseiros deste proxecto Diego González Valeiras, que preparou a creación da escenografía e os figurinos do texto Os reloxos preguiceiros de Néboa de Xavier Lama, gañador do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2010 (editado por Xerais en 2011); e Ángel Montero Vázquez que reflexionou sobre a identidade da súa avoa na instalación titulada “Ce qui me regarde (O que me incumbe)”.