A gala servirá como presentación pública no Baixo Miño dun libro-USB que se deu a coñecer en Santiago o pasado mes de decembro. Nela intervirán tamén o presidente de Ponte...nas ondas!, Santiago Veloso, xunto coas alcaldesas Ánxela Fernández (O Rosal) e Sandra González. Ademais, os profesores Luis Lechuga do IES Antón Alonso Ríos e Xosé Manuel Méndez explicarán o traballo desenvolvido polo alumnado de dezasete centros educativos de Galicia e de Portugal.
O libro-USB
A publicación foi coeditada entre o Consello da Cultura Galega e Ponte...nas Ondas! con ilustracións de Andrés Meixide. Inclúe textos da escritora galega Rosa Aneiros, do escritor portugués Marco Neves e dos profesores Helena Pousa e Santiago Veloso. Nel inclúese unha breve descrición de cada centro educativo e unha referencia ao patrimonio cultural do concello, onde se recollen expresións e léxico característico de cada municipio. Ademais, contén imaxes de todo o proceso de gravación e un código QR que remite ao espazo web onde está aloxada a serie documental. O produto audiovisual contén o proceso levado a cabo desde setembro de 2020 para realizar o documental. Inclúe declaracións do profesorado implicado, opinións do alumnado, testemuños de veciños e veciñas, imaxes dos lugares de gravación e videoclips protagonizados polo alumnado e os artistas colaboradores. Está dividido en catro capítulos que está a emitir a CRTVG na súa segunda canle.


