Preséntase en Madrid o documental do Consello da Cultura Galega sobre a etapa inicial de Julio Camba

Hoxe cúmprense 60 anos do pasamento de Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884-Madrid, 1962). Co gallo da efeméride preséntase na Casa de Galicia en Madrid, o documental “O principio do mundo de Julio Camba” que Aser Álvarez elaborou para o Consello da Cultura Galega (CCG). O filme documenta a etapa inicial do reputado escritor e xornalista. Tamén se pode verse tamén nun especial elaborado polo CCG que inclúe a súa entrada no Álbum de Galicia. O audiovisual chega a Madrid, logo de proxectarse o xoves pasado en Vilanova de Arousa, localidade de nacemento do escritor.

Presumiu de ser o único galego ao que lle saíu de balde a viaxe de ida e volta ás Américas, a onde chegou como polisón e foi expulsado polo seu espírito rebelde e revolucionario. Esta anécdota cóntase en “O principio do mundo de Julio Camba”. É a etapa menos coñecida do escritor, unha etapa bohemia na que foi expulsado de Arxentina por mor do seu activismo no marco dos movementos anarquistas. Dirixido e guionizado por Aser Álvarez, o documental explica en vinte e cinco minutos como foi a forxa deste xornalista, a infancia e esa primeira formación política, vital e humana tanto en Galicia como en Bos Aires. Remata no momento en que Camba regresa de Arxentina e se instala en Madrid, onde comeza a súa carreira como xornalista. Aínda que os seus primeiros pasos no mundo do xornalismo teñen lugar en Bos Aires, na súa chegada á capital española ten unha etapa moi activa como redactor en El País e na que mesmo chega a crear un xornal.

Este audiovisual incide tamén noutros aspectos claves da personalidade de Julio Camba, como a súa independencia, o seu individualismo, que mantén ao longo da súa vida, e tamén a súa orixinalidade. Conta coa participación dos historiadores Ramón Villares e Xosé Manoel Núñez Seixas; de dous dos biógrafos de Julio Camba, Pedro López e Benito Leiro; e da escritora Rosa Aneiros, ademais de varios veciños que o coñeceron na súa vila natal.

Sobre Julio Camba
Comezou a súa andaina vital no barrio mariñeiro de Vilamaior, parroquia de Caleiro (Vilanova de Arousa), en 1884. Aprendeu de seu pai a andar entre as reboticas, o que lle permitiu ter acceso a unhas bibliotecas que forxaron un carácter rebelde e ilustrado que o acompañou sempre. Foi moi precoz e con apenas dez anos xa daba clases a nenos e facía as primeiras incursións no mundo do xornalismo.

En 1903 mudouse a Madrid, onde continuou a súa traxectoria de escritor ao servizo da causa anarquista. Fundou o semanario “El Rebelde” e meteuse en problemas que lle valeron causas xudiciais por supostos delitos de opinión. Foi a raíz dun deses incidentes, a bomba no desfile da voda do rei Afonso XIII, que Camba iniciou o seu afastamento da idea anarquista. Centrado na súa carreira profesional, comezou un regueiro de colaboracións e viaxes que o levarían a Istambul, París, Berlín, Lisboa e Nova York e moitas outras capitais do mundo, onde se converteu nun dos xornalistas mellor pagados do seu tempo.

Desde os anos corenta deixou de viaxar con frecuencia e afirmou que non lle gustaba escribir. Con todo, seguiu cosas súas colaboracións e en 1952 recibiu o Premio Mariano de Cavia polo artigo “Plumas de avestruz”. Rexeitou unha cadeira na Real Academia Española e comezou a restaurar crónicas e artigos dos seus tempos viaxeiros. En 1949 mudouse ao Hotel Palace, onde viviu os seus últimos anos coa única compaña do persoal e dos amigos que o visitaban.