Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2010.- Cun debate sobre “Políticas culturais” iniciou hoxe o Consello da Cultura Galega unha quenda de cinco “<a href="http://consellodacultura.org/reflexion2010/">Foros de reflexión estratéxica sobre a cultura galega</a>”, que vai continuar nos próximos meses. Trátase de recoller aportacións, críticas e propostas sobre un sector caracterizado pola “complexidade”, termo empregado polo autor da ponencia-marco, Arturo Rodríguez Morató, profesor da Universidade de Barcelona. Complexidade que o ponente explicou aludindo aos desafíos que para a política cultural plantexan actualmente a planificación, a nova cultura dixital e a nova diversidade. O foro seguinte, sobre “Institucións culturais” será o 15 de xuño.
<!--more-->En sesións de mañá e tarde, a Biblioteca do CCG acolleu o relatorio do profesor Rodríguez Morató, presentado por Ramón Maiz, coordinador do Foro, e as activas intervencións dos 25 participantes, que entre outras reflexións, abordaron a cultura como ben público, a democracia cultural (público e cidadanía, estratexias para aumentar o acceso e a participación), a gobernanza da cultura (cooperación entre Administracións e coa sociedade civil) e a planificación estratéxica da cultura (diagnóstico, plans e estratexias, desenvolvemento e avaliación).
Luís Bará, Margarita Ledo, Miguel Barros, Hector Pose, María Xosé Agra, Fuco Sangiao, Manuel Rúa, Benigno Amor, Jesús Ron, Pablo Sánchez Ferro, Benxamín Casal ou Xaime Subiela (coordinador técnico do ciclo) foron algúns dos protagonistas dun debate sobre “políticas culturais”, que consideraron moi necesario nunha fase de profundas modificacións nos modos de creación, percepción, distribución, consumo e comunicación cultural.
UN PROCESO ABERTO
Comezou así a segunda fase dun proceso aberto, plural e participativo, iniciado en xaneiro con propostas e consultas a diferentes representantes do sector cultural, convocados desde o CCG na procura de suxestións arredor de estratexias de futuro da cultura galega. O grupo de traballo, coordinado por Xosé López García, remitiu un cuestionario a trescentas persoas representativas do sector cultural e da sociedade. As respostas recibidas permitiron compoñer os materiais de traballo para esta nova fase (a desenvolverse en xuño-xullo) con cinco foros de reflexión, dos que deberán sair propostas, que se abrirán ao debate, a través dos soportes do CCG na Rede, no mes de setembro. Co conxunto das achegas o equipo coordinador elaborará, en outubro, un documento de integración coas orientacións estratéxicas para o futuro da cultura galega, que serán remitidas ás institucións públicas, culturais e sociais.
Aos dous foros xa citados seguiranlle os de “cultura e mercado” (22 de xuño), “contidos da cultura” (8 de xullo) e un debate, en rede, sobre “proxección exterior”.

