----

A presidenta do Consello da Cultura Galega destaca o labor de Carlos Casares, expresidente da institución, no vixésimo cabodano

Hoxe, 9 de marzo, cúmprense vinte anos do pasamento de Carlos Casares, o escritor, tradutor, político, intelectual e expresidente do Consello da Cultura Galega (CCG). A fundación que leva o seu nome organiza en Nigrán o acto de homenaxe ao que asiste a presidenta do CCG, Rosario Álvarez. A presidenta destacou na súa intervención o que “foi un gran presidente que endereitou a nave cun rumbo, que, básicamente, se mantén na actualidade”.

Carlos Casares foi presidente do Consello da Cultura Galega entre 1996 e 2002, tralo falecemento de Filgueira Valverde. Converteuse no presidente máis novo que tivo a institución, outorgándolle un impulso de modernidade que se mantén. No acto de homenaxe convocado pola Fundación Casares, a presidenta do Consello da Cultura Galega lembrou que “pasaron 20 anos pero aínda é frecuente lembrar, con diferentes motivos, o dinamismo vinculado coa renovación tecnolóxica e a necesidade de situar a cultura galega na rede; a vocación pola difusión da boa nova da cultura galega contemporánea fóra das nosas fronteras e fóra do espazo exclusivo das comunidades galegas do exterior; e a procura constante de definir o papel do CCG dentro do marco institucional e no ámbito cultural”.