O Roteiro Enrique Labarta Pose é un itinerario deseñado polo concello de Zas que nos leva a coñecer a Costa da Morte a través de espazos biográficos e literarios do autor. O percorrido transcorre por diferentes concellos da comarca: Zas, Vimianzo, Camariñas, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Carballo e Muxía. Arrinca no centro sociocultural de Baio onde está a exposición permanente sobre a súa vida e obra. Son oito paneis que percorren as vivencias máis sobresaíntes do autor. As súas publicacións literarias, a produción periodística, a pegada do autor no territorio, os seus premios e a súa faceta como fotógrafo. Continúa pola súa casa natal, a igrexa parroquial, o monte Castelo e moito outros espazos no que hai lugares tan recoñecibles coma o Santuario da nosa señora da Barca. Remata na igrexa de San Lourenzo de Berdillo, é unha das construcións relixiosas máis recentes da parroquia de Berdillo (Carballo), onde se celebraba unha romaría á que Labarta lle dedicou un poema.
Sobre Enrique Labarta Pose
Enrique Labarta Pose nace en Baio o 22 de xullo de 1863. Estuda o bacharelato no Instituto de Segunda Ensinanza de Santiago, cidade na que queda para estudar dereito. No ano 1899 ingresa como Oficial de Facenda en Pontevedra grazas a Eduardo Vincenti. No ano 1902 ascende a oficial de cuarta clase da Administración de Contribucións de Pontevedra por intervención de Eduardo Iglesias. Ao longo da súa vida laboral foi ascendendo ata o posto de Xefe de Negociado de terceira clase da Inspección de Facenda da provincia de Barcelona.
Foi o fundador da revista Galicia Humorística (1888), La Pequeña Patria (1890), Extracto de Literatura (1893), Pasatiempos (1894) e a revista ilustrada galega máis destacada de finais do século XIX, Galicia Moderna (1897). Ademais, colaborou con multitude de publicacións tanto da península como do sur de América. Unha parte da súa produción literaria quedou dispersa nas páxinas das distintas publicacións periódicas coas que colaboraba. A outra está recollida en distintas obras, todas esgotadas e sen contar cunha reedición. O labor de Labarta como escritor non se limitaba só ás terras galegas, senón que a súa colaboración era demandada en publicacións españolas e suramericanas.
Coñecido como o Quevedo galego, destacou pola súa obra narrativa, poética e teatral, en galego e castelán, e chegou ao seu público a través do humor. Caracterízase polo uso da ironía, a tenrura e delicadeza, o enxeño e a gracia, a fluidez da forma e a transparencia do pensamento. Foi laureado nun gran número de ocasións polos seus poemas cheos de humor e ironía, e acadou numerosos premios de honra e primeiros premios, así como varios accésits.
Enrique Labarta Pose tamén destacou pola súa afección fotografía, foi pioneiro no seu uso nun medio impreso de ámbito galego e tamén promoveu e deu a coñecer o fonógrafo, un dos grandes descubrimentos do século XIX. Fíxoo percorrendo varias poboacións de Galicia, León e mesmo chegou ata algunha cidade de Portugal.
Falece o 13 de maio de 1925 no Hospital Clínico de Barcelona debido ás feridas causadas polo descarrilamento dos ferrocarrís de Las Planas, o 9 de abril.
O proxecto Roteiros
En xaneiro de 2009 comezou a andar o Proxecto Roteiros do Consello da Cultura Galega. Trátase dunha iniciativa que pretendía conciliar cultura letrada e novas tecnoloxías para difundir itinerarios culturais polo país. Comezaron con tres itinerarios dedicado a tres figuras clave do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal.
Desde entón o proxecto foi medrando e conta cunha trintena de propostas de itinerarios que seguen a vida e obra de figuras importantes da cultura galega como Álvaro Cunqueiro ou Rosalía de Castro; percorren fenómenos importantes como unha visita pola pegada da emigración en Ribadeo ou en Ares; así como unha volta polo legado do reinado de Afonso X no noso país ou pola cultura galega na Habana.

