No Pleno celebrado no serán deste martes renovaron no seu posto os representantes da Real Academia Galega de Ciencias, Alicia Estévez Toranzo; da Real Academia Galega, Víctor Freixanes;do Instiutto de Estudos Gallegos Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés; do Consello Galego de Museos, Ángeles Pena Truques; da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo. No caso dos representantes das universidades, entra no Plenario a Universidade de Santiago de Compostela, que designa ao seu reitor, Antonio López Díaz, en substitución da Universidade de Vigo representada ata agora polo seu reitor, Manuel Reigosa Roger. Mantense a Universidade da Coruña que está representada polo seu reitor, Julio Abalde.
O Plenario é o máximo órgano de goberno do Consello da Cultura Galega. Os cambios da súa composición teñen lugar en cumprimento da Lei de creación do Consello da Cultura Galega (Lei 8/1983, do 8 de xullo) e do Decreto 162/2008, do 10 de xullo, que establece a renovación, por metades, dos representantes das entidades. Compételle a elas a elección da persoa que as representará no Plenario do Consello da Cultura Galega.
Balance do primeiro trimestre
Na sesión plenaria tamén se deu conta do balance de actividades do primeiro trimestre. Neste período realizáronse 18 actividades, dúas delas foron cesión de espazo á Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) para a realización da xornada “Desfacendo a Raia VIII”. O 31% destas actividades realizáronse fóra da nosa sede e concentraron a 98 relatores e relatoras. Editáronse tres publicacións e presentouse o Informe Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos, que analiza os comportamentos da mocidade galega. Ademais, realizáronse 5 informes de Impacto Ambiental e actualmente hai dúas exposicións, Afonso X e Galicia e Luces de alen Mar en 5 itinerancias. Entre os proxectos máis destacados deste período está a presentación de Proxector, o repositorio de vídeos científicos en lingua galega, máis Aqui medra a lingua, que amosa experiencias e proxectos que desenvolven na escola en 6 centros da xeografía galega.


