A Liña do Galego duplica en 2021 o número de queixas recibidas
30/3/2022
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o seu informe anual da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan. Segundo os datos recollidos neste informe de 2021, ao longo do ano tramitáronse 488 queixas, atendéronse 55 consultas e recibíronse 58 parabéns. Os dous principais motivos das queixas foron a ausencia do galego na atención oral e escrita (27,46%) e a deturpación da toponimia galega (21,52 %). No que respecta á tipoloxía de entidades implicadas, son as administracións e institucións públicas (65,57%) e as empresas de servizos (24,64%) as destinatarias da maior parte destas queixas, tendo especial protagonismo nesta ocasión a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Podes ampliar información premendo aquí.