----

O Consello da Cultura Galega recibe o 6 de abril a Medalla do Parlamento de Galicia

O Consello da Cultura Galega, xunto coas institucións estatutarias, Valedor do Pobo e Consello de Contas, recibirá o 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, a Medalla do Parlamento de Galicia 2022. Esta distinción recoñece a contribución das tres entidades “ao afianzamento do autogoberno de Galicia e con plena lealdade ás restantes institucións da Comunidade Autónoma e do Estado”. Á concesión é froito dun acordo unánime da Mesa da Cámara e será retransmitido en directo a partir das 10:55 pola Televisión de Galicia e a Radio Galega.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de recibir a Medalla e o Diploma, xunto con María Dolores F. Galiño, como Valedora do Pobo e José Antonio Redondo, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia. O evento, contará coa participación do presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, e o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A xornalista da TVG, María Solar, será a encargada de presentar o acto institucional e contará cos comentarios de Xesús Fontenla para os espectadores da canle pública galega. Ademais, haberá actuación musicais a cargo do dúo formado por unha das voces da nova canción de autora en Galicia Sheila Patricia –guitarra e voz- xunto a Gabi Reboredo –percusión e voz-.