----

O Consello da Cultura Galega recibe a Medalla do Parlamento en recoñecemento ao seu labor

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recolleu esta mañá a Medalla que o Parlamento de Galicia concedeu ao CCG, ao Valedor do Pobo e ao Consello de Contas, as tres entidades xurdidas ao abeiro do Estatuto de Autonomía. A presidenta do CCG agradeceu a distinción que “implica un recoñecemento institucional que nos reconforta respecto do labor desenvolto ata o presente e nos obriga aínda máis cara ao futuro” apuntou. Rosario Álvarez recibiu a Medalla e o Diploma a mans do presidente da cámara, Miguel Ángel Santalices. O acto, retransmitido pola Televisión de Galicia e a Radio Galega, contou coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

No seu discurso, a presidenta do CCG agradeceu a distinción da que fixo partícipe “á gran rede de homes e mulleres que, en remuda continua ao longo do tempo, colaboran en cada momento co Consello da Cultura Galega, de xeito altruísta, cun alto grao de excelencia, xenerosidade e compromiso”. No seu discurso tivo tamén palabras de lembranza para os redactores do Estatuto de Autonomía que recoñeceron “a importancia da cultura como xustificación da autonomía e piar da súa arquitectura institucional”; para a Comisión Asesora da Cultura Galega pola súa “dilixencia no proxecto de lei que daría creación ao CCG”; e tamén para o Parlamento de Galicia que tivo “tan presente a lingua e a cultura como piares da nosa identidade”. Foi o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, quen entregou a Medalla e o Diploma, tanto á presidenta do CCG, como á Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño; e ao Conselleiro Maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo López.

O acto de entrega tivo lugar este 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, nun acto conducido por Maria Solar e retransmitido en directo pola Televisión de Galicia e pola Radio Galega.

Medalla para as institucións
O Parlamento de Galicia acordou nesta edición entregar a súa Medalla ás tres institucións xurdidas ao abeiro do Estatuto de Autonomía pola súa contribución “ao afianzamento do autogoberno de Galicia e con plena lealdade ás restantes institucións da Comunidade Autónoma e do Estado”.

A concesión é froito dun acordo unánime da Mesa da Cámara que recoñeceu que “estas institucións, contempladas xa no Estatuto de Autonomía e creadas por cadansúa lei do Parlamento de Galicia, desenvolveron as funcións que lle foron encomendadas, ao tempo que contribuíron de maneira destacada ao afianzamento do autogoberno de Galicia e con plena lealdade ás restantes institucións da Comunidade Autónoma e do Estado”.

A primeira das tres entidades en crearse foi o Consello da Cultura Galega. Foi a Lei 8/1983, do 8 de xullo, e dotou a Galicia dun órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, dotado de personalidade xurídica propia para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, creou o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas recoñecidos na Constitución, entre outras funcións.

A lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas permitiu a posta en marcha do órgano de fiscalización externa das contas e da xestión económico-financeira e contable do sector público da Comunidade Autónoma, ademais de asesorar ao Parlamento de Galicia en materia económico-financeira.