----

Convocatoria para a creación do repositorio “TeCe Redes en galego”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica as bases da primeira convocatoria do repositorio TeCe Redes en galego, dirixida a empresas, cooperativas ou persoas profesionais do sector cultural, creativo e artístico galego que estean vinculadas cos procesos de dinamización da lingua galega. A convocatoria, creada ao abeiro do Fondo Xacobeo 21-22, ten como obxectivo crear un repositorio de produtos dixitais e servizos presenciais que nutran os programas de dinamización lingüística dirixidos á infancia e mocidade que desenvolve a Xunta de Galicia. O prazo de presentación de proxectos estará aberto entre o 9 de abril e o 25 de abril de 2022. Para consultar as bases completas e obter información sobre o procedemento de inscrición, preme aquí.