----

O Consello da Cultura Galega recibe a visita do Grupo Parlamentario Popular

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xunto coa Comisión Executiva do CCG, recibiron esta mañá a diferentes membros do Grupo Parlamentario Popular. Encádrase nunha liña de acción da institución de estreitar contactos con outras entidades, axentes e institucións públicos e privados. Coa visita desta mañá complétase a rolda de encontros dos grupos con representación parlamentaria que comezaron o pasado 21 de xaneiro.

Na visita estiveron presentes Pedro Puy Fraga, voceiro do Grupo Parlamentario Popular, xunto cos diferentes membros deste grupo que compoñen a Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia como a súa presidenta, Teresa Egerique Mosquera, e os deputados José Luis Ferro Iglesias, Carlos Gómez Salgado, Ovidio Rodeiro Tato, María Felisa Rodríguez Carrera, Moisés Rodríguez Pérez e María Elena Suárez Sarmiento. Foron recibidos pola presidenta, Rosario Álvarez; o vicepresidente, Xosé Manoel Núñez-Seixas; e os membros da Comisión Executiva, María Xosé Porteiro, Dolores Vilavedra e Rebeca Blanco-Rotea; máis o xerente do CCG, Marcelino Fernández.

No transcurso da visita intercambiaron pareceres sobre a situación actual da cultura Galega e as accións desenvolvidas pola institución que preside Rosario Álvarez.