----

A biografía de Baldomero Cores incorpórase ao Álbum de Galicia

Definiuse como “sociólogo por sensibilidade social, comunicólogo por ese misterio da relación espiritual, avogado por profunda vocación solidaria e político no senso máis vivo e puro da palabra, porque coido que a res pública necesita e necesitou sempre do meu esforzo, como do esforzo de todos e cada un de nós”. Baldomero Cores (Cee, 1929- Santiago 2014) tivo unha vida intensa en Galicia e fóra de Galicia pero sempre cun innegable compromiso co país e o seu Cee natal. José Ramón Rey Senra asina a súa entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia.

A entrada de Baldomero Cores fai un percorrido pola súa biografía na que destacou por exercer numerosas profesións: avogado, sociólogo, xornalista, profesor e politólogo nunha vida que o levou por diferentes espazos.

Foi o primeiro delegado en La Voz de Galicia en Santiago, traballou en El Correo Gallego e deixou obra escrita en numerosos xornais galegos. Neles defendeu, entre moitos outros temas, a necesidade de instalar na súa vila natal un Instituto Laboral na Fundación Fernando Blanco e reivindicou a revitalización do Camiño de Fisterra–Muxía moito antes de que se falase do tema.

Estudou na Universidade de Santiago de Compostela, na facultade de dereito e na escola social, onde iniciou a súa carreira universitaria. Impartiu clases nas escolas de Ensino Social e nas facultades de Dereito e Ciencias Políticas de Santiago de Compostela, na facultade de Ciencias Políticas, Económicas e Comerciais da Universidade Central de Madrid e na facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense. En 1968 incorporouse á Universidade de Porto Rico, país no que viviu quince anos. Alí foi vicecónsul de España e Secretario Xeral do Comité de Cultura Galega. Se a relación do autor coa galeguidade exterior xa era significativa, a partir da súa chegada a Porto Rico, será moito máis estreita, participando en diversos congresos da emigración, colaborando en distintas publicacións e organizando actos de exaltación da cultura galega.

A entrada destaca tamén que á súa volta a Galicia foi nomeado Letrado do Parlamento de Galicia, cargo que exercerá ata a súa xubilación en 1995. Con todo, seguiu cun ritmo frenético de actividade científica, intelectual e de creación literaria ata o seu pasamento. Na súa longa traxectoria recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Ramón Mourente (1959 e 1962), o Premio do Centro Galego de Madrid (1959), ou o Premio Galicia de Comunicación (1988).

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.