Baldomero Cores Trasmonte
Cee, A Coruña, 14/ 10/1929 - Santiago de Compostela, A Coruña, 24/12/2014Autoría: José Ramón Rey Senra
Elocuente orador e pensador profundo
Naceu en Cee o 14 de outubro de 1929 e morreu en Santiago de Compostela o 24 de decembro de 2014. Foi avogado, sociólogo, xornalista, profesor, politólogo, pero a el gustáballe definirse como sociólogo por sensibilidade social, comunicólogo por ese misterio da relación espiritual, avogado por profunda vocación solidaria e político no senso máis vivo e puro da palabra, porque coido que a res pública necesita e necesitou sempre do meu esforzo, como do esforzo de todos e cada un de nós
.
Viviu en Cee ata os 10 anos, cando marchou coa súa familia a Santiago de Compostela. Estudou o bacharelato no Instituto Xelmírez da cidade compostelá, na que realizaría os estudos de Graduado Social -acadando o título en 1953- ao mesmo tempo que estudaba a carreira de Dereito, na que se licenciaría en 1956.
Sendo estudante de Dereito e da Escola Social empezou a colaborar nos xornais El Correo Gallego, La Noche e La Voz de Galicia, con artigos que, nunha gran maioría, trataban de Cee e da Costa da Morte. En La Voz de Galicia contaba cunha sección titulada «Cosas de Cee y Corcubión», e con ese acento comarcal defendeu a necesidade de instalar na súa vila natal un Instituto Laboral na Fundación Fernando Blanco, sendo a primeira das moitas campañas xornalísticas intensivas en que se viu envolto. Outra fronte periodística aberta foi a da reivindicación do Camiño de Fisterra–Muxía, tema do que ninguén falaba por aquela época. Así mesmo, nos anos 1953 e 1954, edita a revista Nemancos. Hacia el Finisterre, e aínda que esa aventura editorial
durou pouco, foi suficiente para que nas súas páxinas estivesen presentes as mellores firmas do momento, tanto locais como galegas: Ramón Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño, Gonzalo López Abente ou Francisco Mayán.
En 1959 é nomeado Delegado de La Voz de Galicia, converténdose na primeira persoa que ocupa este cargo en Santiago e que desenvolvería ata 1967, ano en que foi contratado como redactor de El Correo Gallego. A súa actividade xornalística conta cunha longa experiencia, colaborando en diversos medios de comunicación tanto nacionais como estranxeiros, ou participando nas revistas Lar e Alborada de Arxentina, Atenea e Revista de Letras de Porto Rico, Vieiros de México, Cuadernos de Estudios Gallegos de Madrid, Quintana de Santiago de Compostela; nos xornais Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, La Noche, El Ideal Gallego; na radio e na televisión do Estado Libre Asociado de Porto Rico, entre outros medios de comunicación. Formou parte da xunta directiva da Asociación da Prensa de Santiago de Compostela. Así mesmo, a súa colaboración en publicacións de carácter científico é tamén importante, como a contribución ao Diccionario Internacional de Ciencias Sociales, publicado pola UNESCO. En 1989 recibiu o premio de xornalismo, pola súa traxectoria periodística, outorgado pola Xunta de Galicia.
En relación coa súa actividade universitaria, en 1959 obtivo o grao de Doutor en Dereito, con sobresaliente cum laude, pola súa tese Comunidad y sociedad en las ideologías políticas del siglo XIX español. En 1958 inicia a carreira como profesor, actividade que exerceu ata 1983. Impartiu clases nas escolas de Ensino Social e nas facultades de Dereito e Ciencias Políticas de Santiago de Compostela, na facultade de Ciencias Políticas, Económicas e Comerciais da Universidade Central de Madrid e na facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense. En 1968 incorporouse á Universidade de Porto Rico, ao obter a cátedra de socioloxía no Recinto Universitario de Mayagüez, onde exercería un importante labor académico e de investigación, sendo ben coñecida a súa contribución á teoría sociolóxica, da información e da comunicación.
A estancia en Porto Rico foi, en palabras de Cores, sempre moi pracenteira
, tanto que se prolongou quince anos. Nese país ocupará os cargos de Vicecónsul de España e Secretario Xeral do Comité de Cultura Galega. Se a relación do autor coa galeguidade exterior xa era significativa, a partir da súa chegada a Porto Rico, será moito máis estreita, participando en diversos congresos da emigración, colaborando en distintas publicacións e organizando actos de exaltación da cultura galega.
O Comité de Cultura Galega foi creado no ano 1972, con motivo do Día das Letras Galegas, converténdose nunha das institucións da Galicia exterior máis activas desde o punto de vista socio-cultural, sendo Cores un dos seus membros destacados. En 1979, foi nomeado Vicecónsul Honorario de España na cidade e distrito de Mayagüez, área xeográfica marítimo-industrial, cun censo de españois moi grande, entre os que destacaban os galegos. A súa actividade en defensa da comunidade española foi importante e frutífera.
Regresa a Galicia no ano 1982, e no ano 1983 é nomeado Letrado do Parlamento de Galicia, cargo que exercerá ata 1995, data da xubilación laboral pero non da súa actividade científica, intelectual e de creación literaria que continúa a ritmo frenético ata o final da súa vida. Como Letrado do Parlamento, a súa colaboración lexislativa foi fundamental no proceso de elaboración de numerosas leis autonómicas, como a Lei de dereito civil de Galicia da que escribiu o prólogo. Cando o Parlamento de Galicia empezaba a dar os primeiros pasos, a súa contribución organizativa interna foi primordial.
Entre outras distincións, recibiu en 1956 o título de Cronista Oficial da Vila de Cee, o Premio Ramón Mourente (1959 e 1962), o Premio do Centro Galego de Madrid (1959), o xa citado Premio Galicia de Comunicación (1988), o Premio Galicia e Gallaecia Fulget (1996), ou a Medalla Fernando Blanco en 2006. E despois do seu falecemento, o Pleno do Concello de Cee, en 2016, aproba por unanimidade denominar o Auditorio da Casa da Cultura de Cee, Auditorio Baldomero Cores.
Como persoa recoñecida polas súas investigacións, estudos e publicacións relacionadas coa lingua e literatura galegas, foi nomeado, en 1958, membro correspondente da Real Academia Galega.
Unha distinción que sempre levou con orgullo foi o do ser o director da Historia de Cee, obra presentada en 1999 e que se converteu en libro de referencia sobre o devir histórico da súa vila natal.
O 10 de xaneiro do 2015, o pobo de Cee e membros da corporación municipal, acompañaron á familia do intelectual no peirao de pescadores para renderlle unha emotiva e póstuma homenaxe, depositando parte das súas cinzas nas augas da ría, para navegar lonxe, tralo ricaz ronsel de cultura, paz, letras e músicas que un día nos deixaches aquí e acolá
, como ben dixo nese acto Luis Menéndez Villalva, presidente da Asociación de Periodistas de Santiago.
A obra escrita que nos deixa é ampla e multidiversa
, sendo a súa achega á creación, fomento e interpretación dos valores culturais e da socioloxía de Galicia moi estimable e moitas veces pioneira, e non deixan de ser de gran valor os seus estudos realizados nos eidos da historia, da teoría e análise política e do dereito. O seu primeiro ensaio publicado é Abraham A. Lincoln o la perfecta arquitectura política, editado polo Goberno de Estados Unidos en 1959. Deste entón a súa bibliografía iría sumando títulos, entre os que destacamos:
Sociología rural de Galicia. A Coruña: Librigal, 1973.
Sociología política de Galicia. A Coruña: Librigal, 1976.
La devolución de Galicia. El Estatuto ayer y hoy. Santiago de Compostela: Libros Minerva, 1977.
Las polémicas de Bóveda en la gestación del Estatuto de Autonomía. Sada: Ediciós do Castro, 1986.
Dereito autonómico de Galicia. Vigo: Xerais, 1987.
Ciencia e galeguidade na II República. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1989.
Viaxe o Parlamento de Galicia. Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia, 1991.
A constitución da galeguidade. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1995.
O Estatuto de Autonomía de Galicia (1932-1936). Os documentos oficiais. Santiago de Compostela: Foesga, 1998.
Historia de Cee. Cee: Concello, 1999.
O Estatuto de Autonomía de Galicia: Documentación Oficial (1977-1981). Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia, 2001.
Alfredo Brañas e os medios de comunicación do seu tempo. Santiago de Compostela: Fundación Alfredo Brañas, 2002.
Enrique Rajoy Leloup: un protagonismo do autonomismo galego. Pontevedra: Deputación, 2005.
Domingo Fontán no Parlamento. Pontevedra: Deputación, 2008.
Alfredo Vicenti: Vida y obra de un gran periodista. Santiago de Compostela: Ediciones APM, 2009.
Como citar: Rey Senra, José Ramón : Baldomero Cores Trasmonte. Publicado o 19/4/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=5473. Recuperado o 28/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Biografía de Antolín Faraldo na Gran Enciclopedia Galega
Cores Trasmonte, Baldomero et al.: «Faraldo Asorey, Antolín». En Gran Enciclopedia Galega Siverio Cañada. Lugo: El Progreso, 2003; 16, 139-146.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Artigo de Baldomero Cores Trasmonte sobre a figura de Antón Villar Ponte.
Cores, Baldomero: «Tras el Día das Letras Galegas: Villar Ponte y la fundación del nacionalismo gallego», Tiempo de Historia, 31 (xuño de 1977), 70-81.
Fonte: Internet Archive
Artigo sobre Xohán Vicente Viqueira publicado na revista Vieiros.
Cores, Baldomero: «O pensamento de Viqueira», Vieiros, (1965).
Fonte: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega
Enquisa realizada a Baldomero Cores Trasmonte para o proxecto «Galicia vista por los gallegos», publicada no xornal La Noche.
Fernández Ferreiro, Xosé: «Baldomero Cores analiza la problemática gallega», La Noche: único diario de la tarde en Galicia , 13306 (23 de xullo de 1964), 10, 40.
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Artigo de Baldomero Cores na sección «Galicia como estremecimiento», do xornal La Noche.
Cores, Baldomero: «La grandeza del camino», La Noche: único diario de la tarde en Galicia cite>, 12581 (30 de decembro de 1961), 4.
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Ensaio de Baldomero Cores Trasmonte, galardoado co I Premio no concurso convocado pola revista Noticias de Actualidad, con motivo da conmemoración do CL aniversario do nacemento de Abraham Lincoln.
Cores Trasmonte, Baldomero: «Abraham Lincoln o la perfecta arquitectura política». En Sandburg, Carl et al.: Abraham Lincoln: (Ensayos). Madrid: Servicios de Informaciones de los Estados Unidos (USIS), Embajada de los Estados Unidos, 1959; 15-21.
Fonte: Internet Archive
Fiel colaborador na Sección «Artes e Letras», Baldomero Cores publicou numerosos artigos, entre os que podemos atopar «El pensamiento de Otero Pedrayo: su investigación del paisaje».
Cores Trasmonte, Baldomero: «El pensamiento de Otero Pedrayo: su investigación del paisaje», La Noche: único diario de la tarde en Galicia cite>, 11498 (25 de xaneiro de 1958), 3.
Fonte: Galiciana: Biblioteca de Galicia
Neste artigo publicado na revista Alborada Baldomero Cores reflexiona sobre a problemática da emigración en Galicia.
Cores, Baldomero: «Valor actual da emigración», Alborada, 156 (febreiro-marzo de 1953), 13-15.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Alfonso Magariños, colaborador do xornal El Pueblo Gallego, recolle as reflexións de Cores Trasmonte sobre o
problema políticode Galicia.Magariños, Alfonso: «Baldomero Cores Trasmonte (independiente):
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia.Galicia non vota máis que en casos moi excepcionais», El Pueblo Gallego , 20240 (11 de xaneiro de 1978), 9.
Álvaro Paradela reflexiona sobre a figura de Baldomero Cores Trasmonte no xornal La Noche, onde tamén foi colaborador.
Paradela, Álvaro: «Sangre de Galicia: el nemanquino B. Cores», La Noche: único diario de la tarde en Galicia , 12543 (4 de xuño de 1962), 3.
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia.
Banquete homenaxe a Baldomero Cores Trasmonte (Premio ensaios sobre Lincoln) e Manuel Suárez Serantes (Premio xornalístico de arquitectura). A celebración tivo lugar no Hotel Compostela, en abril de 1959.
«Banquete homenaje en Compostela a los escritores Suárez Serantes y Cores Trasmonte: ganadores, respectivamente, del Premio periodístico de Arquitectura y de Premio ensayos sobre Lincoln», La Noche: único diario de la tarde en Galicia , 11739 (23 de abril de 1959), 6, 3.
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia.
Baldomero Cores Trasmonte xura o cargo de avogado en exercicio en 1957. Noticia publicada no xornal El Correo Gallego.
«Nuevo letrado compostelano», El Correo Gallego: diario político de la mañana, 126161 (15 de novembro de 1957), 2.
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia.
Artigo que resalta a figura de Baldomero Cores como escritor de mérito e a necesidade de difundir a súa obra.
Vázquez Sánchez, J.: «Síntesis de la obra de Baldomero Cores», La Noche: único diario de la tarde en Galicia , 13916 (16 de xuño de 1916), 7.
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia.
Ligazóns de interese
O diario dixital Que pasa na Costa da conta do acto inauguración.
Fonte: Qué pasa na Costa
https://www.quepasanacosta.gal/articulo/cee/baldomero-cores-xa-ten-o-seu-auditorio-en-cee/20170518081452084451.html [Consulta: 15-04-2022].
Cores Trasmonte escribe sobre Domingo Fontán e a súa experiencia administrativa.
Cores Trasmonte, Baldomero: «A experiencia administrativa de Domingo Fontán», Cuadernos de Estudios Gallegos, 39, 104 (1991), 154–167.
Fonte: CSIC https://estudiosgallegos.revistas.csic.es/ [Consulta: 15-04-2022]
https://doi.org/10.3989/ceg.1991.v39.i104.334
Artigo de Cores Trasmonte sobre Santiago Iglesias Pantín.
Cores Trasmonte, Baldomero: «La actividad política de Santiago Iglesias Pantín». Cuadernos De Estudios Gallegos, 40, 105 (1992), 63–82.
Fonte: CSIC https://estudiosgallegos.revistas.csic.es/ [Consulta: 15-04-2022]
https://doi.org/10.3989/ceg.1992.v40.i105.299