<img src="http://consellodacultura.org/files/2010/05/convenio-ccg-educacion.jpg" alt="" />
<div id="pedefoto"><em>De esquerda a dereita: Anxo Lorenzo, Ramón Villares, Jesús Vázquez e Henrique Monteagudo (Foto:CCG)</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 31 de maio de 2010.</em>- O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez, e o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinaron hoxe un acordo de colaboración en materia de normalización lingüística. En virtude deste acordo, vixente ata finais de 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Consello da Cultura Galega colaborarán no intercambio de información sobre recursos sociolingüísticos e na visibilización de recursos de interese en lingua galega. No acto estaban presentes tamén o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG-CCG), Henrique Monteagudo.
<!--more-->O Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, explicou que o acordo de colaboración “nace con proxección de futuro” e salientou que é o primeiro que asina co CCG, “unha institución que merece todo o noso respecto”. O Presidente do CCG, Ramón Villares, agradeceu “a boa disposición da Consellería de Educación, que espero que continúe”. Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, eloxiou o traballo e a traxectoria do CDSG e expresou o seu desexo de que se integre na rede de dinamización lingüística.
En virtude do acordo asinado a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG) do Consello da Cultura Galega intercambiarán información da bases de datos de interese común e colaborarán na visibilización de recursos en galego, das dúas institucións, a través das súas respectivas webs (xunta.es/linguagalega, consellodacultura.org e culturagalega.org).
O CDSG ofrecerá recursos documentais necesarios na planificación da actividade de Política Lingüística e da rede de dinamización lingüistica local e a Secretaría Xeral apoiará a dixitalización e procesamento dos principais recursos documentais históricos do CDSG.
Política Lingüística facilitará ao CCG, en soporte físico e dixital, os materiais elaborados con destino ás administracións e ao ámbito educativo e o CDSG integrarase na rede de dinamización lingüística, promovida pola Secretaría Xeral, realizando labores de apoio e difusión documental cando lle sexan requeridos.
Os fondos dixitalizados do CDSG estarán dispoñibles para as unidades técnicas e os membros integrantes da rede de dinamización lingüística local na web da rede.
Por último, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Consello da Cultura Galega colaborarán en materia de formación e desenvolvemento de espazos de reflexión: na organización de encontros para a normalizaciòn lingüística, de carácter anual, para promover a formación dos técnicos dos servizos lingüísticos de Galicia, difundir novas iniciativas dinamizadoras, materiais e estudos, e contribuir a desenvolver os obxectivos fixados na rede de dinamización lingüística local.

