Ponte… nas ondas! presenta o álbum fotográfico do patrimonio inmaterial galego-portugués
13/5/2022
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! presenta o proxecto “Memoria e patrimonio”, un volume de carácter didáctico coordinado por Xerardo Feijoo, que compila 25 fotografías seleccionadas entre as recollidas no certame escolar “As imaxes do patrimonio”. Cada imaxe preséntase acompañada dun texto explicativo redactado polo propio alumnado e mais dunha banda deseñada do ilustrador Andrés Meixide. O obxectivo desta iniciativa, elaborada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022, é difundir entre os centros educativos o patrimonio inmaterial e a memoria compartida que atesouran Galicia e o norte de Portugal.