Pilar Cagiao, profesora titular de Historia de América na USC e especialista nos movementos migratorios e do exilio e coordinadora do grupo de investigación HistAmérica, presenta os catro relatorios que conforman esta xornada. O primeiro é de Emilio Grandío e leva por título “A República da costa. Reaccións ante os cambios político-sociais na Segunda República en Galicia”; o segundo é de Dionisio Pereira que falará do Asociacionismo mariñeiro entre 1931 e 1936. O terceiro corre a cargo de Bernardo Máiz e fala da lexislación naval militar. Pecha Eliseo Fernández, diplomado en Biblioteconomía e Documentación e investigador da historia do sindicalismo e do anarquismo en Galicia, cunha intervención na que fala das evasións por vía marítima baixo a ditadura.
O contexto
Desde a I Guerra Mundial, Galicia viviu un amplo desenvolvemento do asociacionismo mariñeiro derivado da implantación de modelos e relacións de produción capitalista. Aquel proceso viuse aumentado coa chegada da Segunda República, en parte pola afección que o novo réxime democrático suscitou entre as comunidades das vilas do litoral galego. Esa identificación determinou un novo percorrido político-social dos traballadores do mar entre 1931 e 1936.
En paralelo, co auxe do asociacionismo mariñeiro xurdiu a loita contra os tradicionais pósitos de pescadores, cuxas iniciativas conciliadoras, paternalistas e interclasistas sempre foron rexeitadas polos novos protagonistas, agora encadrados en potentes sindicatos de clase que, en moitas ocasións, colaboraron coa política local republicana. Tal foi a afinidade, por exemplo no litoral coruñés, entre a central maioritaria CNT e a ORGA/PRG de Casares Quiroga.
A resultante final foi a penetración das forzas esquerdistas nos moderados pósitos de pescadores, tanto pola militancia socialista ou comunista coma pola encadrada polo mítico El Despertar Marítimo.
Tras a sublevación militar de xullo de 1936, a desafección nas vilas mariñeiras cara ás novas autoridades resultou nítida e permanente. A carón da dura represión exercida contra os sindicatos de clase e a militancia esquerdista, agromou unha resistencia episódica cuxa manifestación máis evidente está representada polas evasións por mar e as redes tecidas para argallar aquelas fugas.


