Na entrada biográfica, Vitor Vaqueiro asegura que “con efecto, a visión externa, de Terré é quen de percibir certos aspectos da realidade galega que para unha perspectiva interna —probablemente, como consecuencia da repetición e do esgotamento visual— pasa desapercibida”. Ademais, explica o autor “existe no corpus fotográfico de Ricard Terré un equilibrio xerado pola concorrencia de vectores de distintas procedencias”. A súa obra representa “aspectos ameazadores ou medoños situados no ámbito da morte coma cadaleitos, cemiterios, exvotos, quer en forma de celebración ritual, as festas, quer na forma estrita de iconas da morte. Pero tamén o afago e a tenrura, o ollada afábel sobre o mundo da infancia, o tamén a ironía ou o humor”.
Vaqueiro fai unha análise do traballo do fotógrafo que se fixo un oco no mundo da fotografía contemporánea por achegar unha ollada moderna da realidade, que plasmou en encadres arriscados e fortes contrastes. Nel aprécianse semellanzas coa obra de fotógrafos como Robert Frank, William Klein, Henri Cartier-Bresson ou Eugène Smith. A súa entrada do Álbum inclúe tamén ligazóns a documentos relevantes e outros materiais que axudan a coñecer e a afondar na súa figura.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con 630 entradas e as máis recentes son as de Urbano Feijoo, María Luisa Pérez Soba, Daniel García Ramos ou Jaime Pacheco.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.


