Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2011.- Os movementos sociais e os conflitos emerxentes, fronte ao “neoliberalismo hexemónico”, falan dun aumento das reivindicacións a prol do retorno da política nas sociedades e na teorización sobre elas. Así o explicou Donatella della Porta, profesora de Socioloxía e Directora de Investigación do Departamento de Ciencias Políticas e Sociais no European University Institute de Florencia. A socióloga e politóloga italiana falou sobre “Os movementos sociais e a sociedade civil: de como os emerxentes conflitos sociais cuestionan as perspectivas adoptadas polas Ciencias Sociais” no seminario interdisciplinar “O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s). Un diálogo aberto sobre o presente e o futuro da Cultrura”, que coordina o profesor Ramón Maiz. <!--more-->
O retorno da política, na reflexión de Donatella della Porta, alude á “política alternativa” experimentada na participación dos cidadáns, e mesmo dos individuos, na elaboración de reivindicacións, na formulación de preguntas e na articulación de respostas. Tamén na construción de novas identidades mediante a congregación de diferentes actores nas esferas públicas e nos espazos de libre uso e nas diversas concepcións da democracia da participación no escenario da “globalización económica neoliberal”. As conclusións proceden dunha análise de documentos fundamentais referidos a 244 organizacións de movementos sociais que participaron nos procedementos do Foro Social en seis países europeos (Italia, Francia, alemaña, Gran Bretaña, Esopaña e Suíza) e a escala transnacional.
Unha idea da “política feita desde abaixo” que non implica, porén, unha renuncia ás relacións coa política institucional, xa que moitas organizacións a prol dos movementos sociais están abertas ás interaccións con institucións de goberno. Unha actitude que mal se compadece “coa interpretación que se fai destas organizacións en tanto que meras entidades de protesta nas rúas, ou coa prcepción da natureza “antipolítica” da sociedade civil”. En calquera caso, os conflitos emerxentes (conflito entendido como elemento en que se basea a dinámica das sociedades) “non só dan fe dunha volta da política ás rúas, senón que tamén poñen en dúbida a idea dunha retirada política; o que se propón, no entanto, é unha visión alternativa dela”. A politóloga italiana precisou que esta concepción é crítica coa política institucional e profesionalizada. “Aínda que estes conflitos insisten na necesidade de que a economía se goberne desde o ámbito político, reflicten unha crecente tensión entre unha perspectiva representativa da política e outra baseada na participación. Fronte aos profesionais da política unha “proposta diferente”: unha política de participaciòn levada á práctica en áreas abertas aos cidadáns, entendidos como suxeitos e actores da política”.
Polo demais, as conclusións do traballo citado poñen en dúbida a concepción dos movementos e dos dereitos cidadáns como entidades limitadas ao interior das fronteiras nacionais. “Sen significaren a morte do Estado-nación nin a fin da democracia representativa, as transformacións experimentadas tanto polos límites dos sistemas de goberno como polos principais actores políticos afectan ao funcionamento tradicional do Estado democrático. Porén, insistir exclusivamente na importancia das oportunidades que se presentan no ámbito nacional non axuda a entender uns actores que non só abordan os problemas a escala mundial, senón que tamén se organizan cada vez máis en redes transfronteirizas”.
CIDADANÍA E MOVEMENTOS SOCIAIS
Donatella della Porta é profesora de Socioloxía e Directora de Investigación do Departamento de Ciencias Políticas e Sociais no European University Institute, de Florencia. Realizou estudos en Italia, Francia, Alemaña e España sobre movementos sociais, violencia política, terrorismo, corrupción e forzas e políticas da orde pública. Dirixiu un proxecto de investigación comparativa sobre o control das manifestacións públicas masivas en Europa e outro sobre as forzas policiais de Italia. Actualmente participa en proxectos comparativos centrados na cidadanía e os movementos sociais. É autora de numerosas e importantes publicacións.
&&&&&&&
O texto da conferencia pode lerse e/ou descargarse en galego e en inglés en: <a href="http://consellodacultura.org/mediateca/extras/donatella_della_porta.pdf">http://consellodacultura.org/mediateca/extras/donatella_della_porta.pdf</a>
Para ampliar información sobre Donatella della Porta:
http//www.eui.eu/Personal/DonatellaDellaPorta/

