Pilar García Negro presentou a Rosalía de Castro como primeira ensaísta e primeira feminista galega

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2010.- Unha pioneira, unha adiantada. Rosalía de Castro (1837-1885) non é só a fundadora da literatura galega, senón que é tamén a primeira ensaísta e a primeira feminista galega. Así se achega a Rosalía e así a presenta a profesora e escritora Pilar García Negro no seu libro O CLAMOR DE REBELDÍA. ROSALÍA DE CASTRO: ENSAIO E FEMINISMO, obra gañadora do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2010, que hoxe foi presentado no Consello da Cultura Galega.

Para Pilar García Negro é Rosalía quen inaugura o ensaio como xénero literario na literatura galega contemporánea e cita ao respecto  as introduccións a “Cantares Gallegos” (1863) e “Follas Novas” (1880) “que son moito máis que prólogos ó uso”. Estamos diante, xa que logo, “dunha innovación que reforza o carácter profundamente intelectual e premeditado dunha obra literaria que se pensa e explica a sí mesma e que a escritora coloca ao servizo de Galicia e da súa lingua”.

A autora desta nova e argumentada mirada sobre Rosalìa salientou asemade o seu papel pioneiro “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller”. Acaeralle daquela o carácter de primeira feminista galega do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, pioneira, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria. Nada que ver coas visións mitificadoras e en exceso reduccionistas que se prolongan ata os nosos días.

No acto de presentación deste ensaio, publicado pola editorial Sotelo Blanco, interviron tamén Francisco Fernández Rei, catedrático da Facultade de Filoloxía da USC, e María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega.