----

Conclúe o primeiro Foro rural "Transruralismo e arte”

O Consello da Cultura Galega colaboa coa a Fundación María José Jove na celebración do I Foro rural "Transruralismo e arte. Fronte ás novas políticas de conectividade, vínculos afectivos e sustentabilidade". É unha iniciativa que remata este venres en Outeiro de Rei Vilela, Os Ancares, onde se xuntaron unha trintena de artistas, comisarios e investigadores e especialistas que viven, practican ou están comprometidos co medio rural dentro e fóra de Galicia. A proposta conta tamén coa colaboración da Casa Quindós e o apoio de O Teu Xacobeo.

A proposta arrincou este mércores na Casa Quindós, un proxecto do cineasta Oliver Laxe, coa intención de abrir unha conversa sobre o relevante que pode ser un novo marco de análise: un transruralismo que altera o centro de orde – periferia, para situar estes lugares nun marco relacional novo, máis xusto e equilibrado. As sesións estrutúranse con relatorios sobre a implicación persoal dos asistentes co medio rural e debates sobre temas como posibles imaxinarios de transición, convivencia, interdependencia e autonomía ou a arte como medio emancipador, entre outros. Ademais, visitaranse propostas artísticas próximas situadas na Fonsagrada, Sarria e Palas de Rei.

Cada vez son máis os artistas que residen en zonas rurais ou en espazos que van agromando en distintos lugares. Para os impulsores desta iniciativa, “vivir e pensar no medio rural é complexo e por iso é necesario tecer lugares de encontro cos que pensar xuntos novos marcos políticos e, por suposto, estéticos. E a arte non pode estar ausente destes debates. O rural é un espazo de vida e de creación”.

Xunto aos membros do comité científico: Oliver Laxe, Chus Martínez, Fran Quiroga, Agar Ledo e Susana González, participarán os artistas Ibon Aranberri; María Alcaide; Patricia Esquivias; Irene Grau; Carme Nogueira e Berio Molina, membros, de AColectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia; Antonio Ballester Moreno; Julio Jara; Ruangrupa e Jatiwangi art Factory (JaF) [Documenta15], Belén Rodríguez; Chiara Sgaramella, artista e investigadora do Colectivo Viridianecoart; (Neg) Nova Galega Escultura: Diego Vites, Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su; Javier Arce; Rubén Grilo; David Salvou; Fuentasal Arenillas; Xiana Arias; Rubén Santiago e Lois Gutiérrez, membros da Comisión Organizadora da Trienal de Sarria. Pola súa banda, Benito Burgos Barrates, Ministerio de Cultura; Lourdes Méndez, antropóloga; Alfredo Puente e Zaida Llamas, Fundación Cerezales; Rebeca Blanco-Rotea, Lab2pt Da Universidade Do Minho e representante do Consello da Cultura Galega; Filipa Ramos, Biennale Gherdëina e Juan Toboso, Galería Municipal de Porto; Miriam Pérez, Espazo Vilaseco, Finca Os Casares; María do Mar Pérez Fra, economista especializada en desenvolvemento rural da USC; Fernando García-Dory, Interior e Rafael Navarro, escritor.