Na xuntanza estiveron presentes Rosario Álvarez e Francisco Díaz-Fierros polo Consello da Cultura Galega, Concha Losada e Xusto Beramendi polo Museo do Pobo Galego, Ramón Villares pola Real Academia Galega (RAG) máis as vicerreitoras de cultura das tres Universidades: Pilar Murias da Universidade de Santiago de Compostela, Cristina López Villar da Universidade da Coruña, e Susana Reboreda pola Universidade de Vigo. Por parte do CSIC e do Instituto Padre Sarmiento asistiron Luisa Martínez e Amparo Rubio. Celia Pereira e Xosé Díaz representaron á fundación Vicente Risco; Fernando Filgueira á Fundación Filgueira Valverde e Patricio Núñez Losada á Fundación Losada Diéguez. Concha Losada e Susana Reboreda participaron tamén como representantes das fundacións Antonio Fraguas e Otero Pedrayo, respectivamente. Non puideron asistir Anxo Lorenzo, director xeral de cultura, nin Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, aínda que esta última entidade estivo representada na reunión pola subdirectora xeral, Lourdes Batán.
Na reunión perfiláronse algunhas das actividades así como o calendario de próximas xuntanzas encamiñadas a poñer en valor esta entidade capital para entender a historia da ciencia e a Galicia contemporánea.
O Seminario de Estudos Galegos
Un grupo de universitarios, entre os que se destacaban Fermín Bouza Brey (1901-1973) e Xosé F. Filgueira Valverde (1906-1996), fundaron o que se coñecería como o Seminario de Estudos Galegos o 12 de outubro de 1923, cando se atopaban realizando unha excursión polas terras da Amahía e visitando o Castro de Ortoño, onde pasou súa infancia Rosalía de Castro (1837-1885). O Seminario tivo despois a súa acta fundacional, redactada na casa santiaguesa do catedrático de Lingua e Literatura da Universidade de Santiago de Compostela, Armando Cotarelo Valledor (1879-1950), quen sería o primeiro presidente da entidade entre 1923 e 1928. O SEG só durou 13 anos pero é unha entidade de capital, de esencial importancia na historia da ciencia e da cultura galegas. Os seus membros desenvolveron exitosas carreiras profesionais, científicas, artísticas, culturais; mesmo políticas, alén da creación desta entidade que chegou a editar 23 publicacións, contar con 215 socios activos e 528 socios protectores entre grandes personalidades e institucións.


