----

Ramón Maiz falará na London School sobre "Galicia e España: Unha perspectiva desde o federalismo"

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2010.- “Galicia e España: unha perspectiva desde o federalismo” é o título da conferencia que Ramón Máiz, Catedrático de Ciencia Política da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, pronunciará na London School o próximo día 19 de maio ás 17´30 horas. O acto contará coa presenza do presidente do CCG, Ramón Villares. O Consello da Cultura Galega fecha así o primeiro ciclo de actividades conxuntas no Instituto Europeo da London School of Economics and Political Science. O obxectivo foi promover o coñecemento e a difusión da cultura galega no exterior.


<!--more-->

O ciclo iniciouse o pasado 15 de outubro coa conferencia “Galicia na política española actual” pronunciada por Pedro Puy Fraga, profesor da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela e Deputado do Parlamento de Galicia.
Seguíronlle “Galicia-América: da emigración á inmigración” a cargo de Xosé Manoel Núñez Seixas, Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (3 de decembro) e “Galicia, un país pesqueiro” por Alfonso Paz-Andrade, Comisario das seis edicións da World Fisching Exhibition celebradas en Vigo (25 de febreiro).
O convenio asinado polo Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e os rectores da Fundación Cañada Blanch (London School), David Brigthy e Paul Preston, busca a difusión da cultura de Galicia nun marco universitario de excelencia, especializado na formación de científicos sociais de todo o mundo. Trata tamén de contribuir a fixar unha imaxe positiva de Galicia no exterior, asociando o Consello da Cultura Galega ás actividades e á publicidade do Centro Cañada Blanch. Pretende asemade promover o coñecemento exterior de “scholars”, políticos e empresarios galegos e facilitar a presenza de investigadores procedentes das universidades galegas no Centro Cañada Blanch.
A Anglo-Spanish Cultural Foundation, patrocinador do Cañada Blanch Center for Contemporary Spanish Studies, forma parte do Instituto Europeo da London School of Economics and Political Science, pertencente á Universidade de Londres. Promove a investigación e o ensino da historia contemporánea española, a súa economía, socioloxía e cultura.
O Consello da Cultura Galega é un organismo estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia que ten entre as súas finalidades a promoción da cultura galega no exterior.