“Foi unha activista moi destacada e tamén unha escritora que conecta moi ben cos poetas máis novos”, explicou Xurxo Rodríguez tras facer público o fallo que concede á compostelá Luz Fandiño este popular galardón. A entrega do premio será en novembro, no marco dunha xuntanza de confraternización na que os anteriores galardoados, Luar na Lubre, entregarán o premio á gañadora desta edición.
A premiada
Fandiño naceu no barrio de Sar en 1931, pero a súa vida estivo marcada pola emigración. Primeiro na Arxentina, a onde marchou en 1952 e, despois, a Francia, onde chegou en 1964. Retornou definitivamente á súa cidade natal en 1979, desde onde desenvolveu un intenso activismo en prol da cultura, a lingua galega e o poder transformador da poesía. Segue en activo, escribindo diariamente e acudindo a centros sociais, colexios e institutos a dar charlas sobre a súa estadía na emigración, os seus poemas e a súa visión da vida.
Foi colaboradora en diferentes publicacións galegas, no programa Diario Cultural da Radio Galega, coas Redes Escarlata, Mulheres Trasgredindo e Mar de Tinta. Alén deste premio, en 2019 foi agasallada pola Asociación Cultural Agromadas de Seixalbo co XI Premio Freire Carril. A súa vida está recollida no documental A poeta analfabeta, co que a directora Sonia Méndez se achegou á súa figura no ano 2020.
A Asociación Cultural
A Asociación Cultural Val de Láncara convoca este galardón, que busca poñer en valor tanto a persoas, entidades e empresas como a colectivos ou institucións que destacaron "polo seu labor de promoción, defensa e vertebración" da comunidade autónoma de Galicia. O galardón non ten dotación económica e é escollido por unha vintena de asociacións culturais das comarcas de Láncara, Sarria, O Corgo, A Fonsagrada, Baralla e Cervantes.
A Asociación Xermolos, Isaac Díaz Pardo, Luis Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, a RAG, Mini e Mero ou Margarita Ledo son algún dos anteriores gañadores deste certame.


