----

A biografía de Xaquín Lorenzo Fernández pódese consultar no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia atende esta semana a traxectoria dun dos grandes etnógrafos da cultura galega, Xaquín Lorenzo Fernández (Ourense, 1907 - Facós, Lobeira, Ourense, 1989), quen desenvolveu a súa carreira da man de Florentino López Cuevillas e Vicente Risco. Asina a súa entrada Adrián Estévez Iglesias.

Máis coñecido co hipocorístico de Xocas, Xaquín Lorenzo Fernández entrou en contacto coa realidade do rural e o campo galego cando, de neno, veraneaba en Facós (Lobeira, Ourense). De alí era orixinario o seu pai, o caricaturista e militante socialista José Laurentino Lorenzo Álvarez. Aprendeu a ler e a escribir na casa, aínda que despois foi á escola de Amador e Saturnino Villar e ao Instituto do Posío, onde foi alumno de Ramón Otero Pedrayo. En 1923, comezou a súa andaina universitaria ao matricularse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, estudos que non retomou ata o curso 1931-1932 e que rematou, finalmente, en Zaragoza, logo de trasladar alí o seu expediente por mor dos enfrontamentos que se estaban a producir entre o profesorado e o alumnado galeguista. Por aquel entón, Xocas era membro da Irmandade Galeguista de Ourense e subscribira o manifesto fundacional do Partido Nazonalista Republicán de Ourense, tal e como recolle Adrián Estévez Iglesias na entrada que asina no Álbum de Galicia. Co tempo, participaría tamén na defensa do Estatuto de autonomía.

A súa vinculación coa etnografía empezou no ano 1926, momento en que ingresa no Seminario de Estudos Galegos. Alí traballou na Sección de Prehistoria, dirixida por Florentino López Cuevillas, e na de Etnografía e Folclore, baixo a dirección de Vicente Risco. Así mesmo, participou na catalogación de castros e no estudo dos concellos de Velle e Calvos de Randín. A súa carreira como etnógrafo proseguiu da man do propio Florentino López-Cuevillas, con quen publicou, en 1930, o volume Vila de Calvos de Randín. Notas etnográficas e folkóricas, editado polo Seminario de Estudos Galegos. Entre as publicacións de Xaquín Lorenzo Fernández destacan tamén o artigo “A fala galega” (El Pueblo Gallego, 8-IX-1926) e as súas colaboracións en Nós ou na revista alemá Volkstum und Kultur der Romanen, entre outras. Ademais, é o autor do tomo 2 da Historia de Galiza (Bos Aires, 1962), obra coordinada por Otero Pedrayo e sufragada por Manuel Puente.

En 1951, ingresou na Real Academia Galega por proposta de Florentino López Cuevillas, Vicente Martínez Risco e Ramón Otero Pedrayo, quen tamén sinalou a Xaquín Lorenzo Fernández como a persoa idónea para ocupar a presidencia do Padroado do Museo do Pobo Galego, cargo que ocuparía ata a súa defunción en 1989. “A esta institución legou parte do seu arquivo e biblioteca, así como os seus dereitos de autor para contribuír ao seu sostemento”, subliña Adrián Estévez Iglesias na súa entrada. Xocas tamén foi nomeado presidente de honra do Pedrón de Ouro en 1983, do que levaba formando parte dende 1964, e Fillo Predilecto da provincia de Ourense. Ademais, recibiu o Premio Otero Pedrayo en 1982 e a Medalla Castelao en 1984. No ano 2004, foille dedicado o Día das Letras Galegas.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Alexandre Raimúndez, Consuelo Doel Traseira, María Luisa Pérez-Soba ou Cristina Reges.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.