Nado en Santiago de Compostela en 1915, Jaime Lorenzo Isla Couto iniciouse no galeguismo político e cultural a través do seu irmán máis vello, Ramiro, un dos pioneiros do nacionalismo na emigración galega en Arxentina. Sendo mozo, militou no Partido Galeguista e liderou o galeguismo xuvenil e estudantil na Galicia da II República. Ademais, participou na fundación da Mocedade Galeguista de Vigo (1932) e na creación da Federación de Mocedades Galeguistas (1934), iniciativas que deixaron de manifesto o “seu carácter emprendedor e o seu talento natural para a organización e o liderado”, como apunta Xosé Luís Pastoriza Rozas na entrada que asina no Álbum de Galicia.
Estudou Maxisterio en Pontevedra (1933-1936) e Dereito, titulación que rematou en 1940 tras participar na guerra civil como oficial de artillería do exército sublevado. En 1945, foi nomeado secretario técnico do Partido Galeguista, reconstituído na clandestinidade. Cinco anos máis tarde, ideou a fundación da Editorial Galaxia (1950) xunto con Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, un proxecto que “naceu como principal instrumento da estratexia de resistencia político-cultural do galeguismo á ditadura franquista e como espazo de articulación colectiva da vella militancia do proscrito Partido Galeguista”, segundo Xosé Luís Pastoriza Rozas. Dentro de Galaxia, impulsou os novos valores literarios a través da colección Illa Nova e dirixiu a pioneira Revista de Economía de Galicia (1958-1968).
Ademais do seu compromiso co galeguismo, a súa fe cristiá levouno a participar da creación da Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT). Esta editorial, erixida cun grupo de militantes galeguistas cristiáns, foi a responsable de introducir a liturxia católica en galego e de traducir a Biblia ao noso idioma. Durante a transición, presidiu o Partido Popular Galego (PPG), integrado no Equipo Demócrata Cristiano del Estado Español, co que se presentou como candidato ao Congreso dos Deputados nas eleccións xerais do ano 1977.
No eido cultural, foi padroeiro e secretario da Fundación Penzol (1963) e membro fundador da Fundación Otero Pedrayo (1979) e do Padroado Rosalía de Castro (1947). Ademais, apoiou a refundación do Seminario de Estudos Galegos (1979), así como a creación do Museo do Pobo Galego (1976). En 1987, constituíu cos seus irmáns Celso e Manuel e coa súa muller Cristina Nóvoa a Fundación Isla Couto, erixida en memoria de Ramiro e co obxectivo de “repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia”.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Alexandre Raimúndez e Cristina Reges.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.


