En marcha o V Premio Lingua e Empresa do Concello de Ames
27/10/2022
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames promove a quinta edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na actividade económica local, de maneira que se contribúa ao aumento e á mellora do uso social da lingua galega dende ese sector.
O certame inclúe dúas categorías: unha para aquelas entidades que veñen realizando un uso continuado da lingua galega desde hai máis de dous anos, e outra para as que incorporaron o galego nos últimos dous anos. Na valoración das candidaturas terase en conta a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito, medindo o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
O prazo para participar remata o 8 de novembro de 2022 ás 14:00 h. Podes ampliar a información premendo aquí.