----

Chega Superheroínas, a nova serie de vídeos da RAG

A poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro e a cociñeira Lucía Freitas son as sete mulleres referentes que protagonizan Superheroínas, a segunda entrega do proxecto Novas voces para a lingua da Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

O propósito, nesta ocasión, é amosar unha realidade esperanzadora: as mulleres novas si falan galego no seu día a día. A primeira que nolo conta é Lucía Freitas, na peza audiovisual presentada esta semana pola Academia. A seguir, irán publicándose novas entregas, tanto na web desta institución coma na da USC e nas redes sociais de ambas.