----

O Plenario aproba o plan de actividades para 2023

O Consello da Cultura Galega desenvolveu unha sesión plenaria no serán deste xoves na que aprobou o plan de actividades para 2023. A celebración do corenta aniversario, a internacionalización da cultura galega e a acción exterior centrarán un ano en que a institución continuará coa súa actividade habitual de investigación, documentación, arquivo e asesoría. Entre as actividades previstas para o vindeiro ano destaca o foro Pensar o mundo desde Galicia, no que destacadas personalidades reflexionarán sobre sete temas, entre eles a intelixencia artificial, as sociedades multiculturais ou unha revisión dos modelos para unha economía de cultura. Ademais, incorporouse ao pleno Xesús Palmou, en representación da Real Academia Galega de Xurisprudencia.

A presidenta iniciou a súa intervención explicando que este mércores compareceu en sede parlamentaria no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 3 075 773 euros, 233 373 euros máis que en 2022, o que supón unha suba dun 8,2 %. O plenario aprobou as contas, así como a programación que a institución desenvolverá o vindeiro ano, cando se celebrará o aniversario da institución que se entrelaza, en parte, co plan de acción ordinario. Ademais, incorporouse ao Plenario do CCG Xesús Palmou, en substitución de Domingo Bello Janeiro, por decisión da Academia Galega de Xurisprudencia. Tal e como marca a normativa da institución, no caso dos membros representativos son as institucións que conforman o plenario do CCG quen designan os seus representantes.

Celebración do 40 aniversario
O CCG celebrará o vindeiro ano o 40 aniversario da institución. A programación, definida por unha comisión formada por Ramón Villares, Xosé M. Núñez Seixas, Dolores Vilavedra, María Xosé Porteiro, Marcelino Fernández e Rosa Aneiros, está centrada en tres eixes. O primeiro busca facer un repaso pola historia da institución en función das actividades, persoeiros ou fitos máis salientadas; o segundo eixe pretende facer reflexionar sobre a institucionalización da autonomía galega e o papel da cultura e da xestión cultural dentro desa evolución. Por último, o terceiro reflexionará sobre o futuro do país a partir de sete temas centrais. Este foro chamarase Pensar o mundo desde Galicia, e, entre marzo e novembro, contará con especialistas recoñecidos en cada un deses ámbitos. Comezará cun foro sobre a Información no mundo da posverdade: grandes relatos, pequenos ao que lle seguirán outros sobre Humanismo e novas tecnoloxías / intelixencia artificial, Calidade da democracia: perspectivas e riscos; Sociedades multiculturais e o papel do galego ou sostibilidade ecolóxica entre outras propostas. Ademais, está previsto que a efeméride conte con varios actos institucionais.

Folla de ruta
Hai dous anos Rosario Álvarez fixou o seu proxecto para o Consello da Cultura Galega que se concreta en dez liñas estratéxicas a seguir pola institución. Cada ano a programación pon o foco, de maneira preferente, en catro desas liñas. En 2023 prestarase especial atención ao papel da cultura na construción da Galicia contemporánea e á internacionalización da cultura galega, con accións específicas para incrementar a presenza e coñecemento da cultura galega a nivel internacional. Liñas que, en boa medida, xa se cubre coa programación deseñada para celebrar a efeméride.

Con todo, en 2023 seguirase coas liñas e accións deseñadas no marco do Plan de Acción Exterior. Ademais, haberá actividades arredor da conservación e valorización do patrimonio (material e inmaterial), e do fomento da cultura científica, tecnolóxica e medioambiental. Analizarase o pensamento contemporáneo (igualdade, inclusión e sostibilidade) e organizaranse actividades relacionadas coa memoria viva (homenaxes, revitalización e difusión cultural) e a conservada (arquivo, hemeroteca, preservación de fondos), ademais dos informes que permitirán avaliar o sector cultural.

A actividade de 2022
A presidenta fixo un balance de 2022, en que se programaron 81 actividades. O 32 % delas tiveron lugar fóra da sede institucional, o que supón un 11 % máis que en 2020, en cumprimento desa liña de descentralización que Rosario Álvarez prometeu ao inicio do seu mandato.

No apartado expositivo, o CCG estreou este ano catro propostas novas. A máis destacada foi a realizada en colaboración co Museo Larreta de Bos Aires, que revisou a traxectoria de Luís Seoane a través da exposición Materiais Seoane / Entre Galicia e América. Outra dela é Sen Cancelas, que fai un percorrido histórico e conceptual pola historia da diversidade sexual en Galicia. Ademais, tamén se estreou a exposición A parroquia para sempre, que pon en valor un arquivo fotográfico particular que foi doado á institución polo seu autor e que encaixa coa liña de traballo recente da institución de visibilizar fondos fotográficos. As mulleres galegas na emigración é a cuarta proposta expositiva realizada a partir de fondos procedentes do Arquivo da Emigración Galega. O CCG mantivo neste 2022 10 exposicións activas en 15 localizacións diferentes, entre as que destacan Roma, L’Aquila, Varsovia ou Bos Aires.

A asesoría segue a ocupar un papel destacado no papel da institución. Neste ano realizáronse 28 informes de diferente tipo. O Observatorio da Cultura Galega realizou un barómetro da cultura galega, dúas conxunturas estatísticas, un informe sobre as ensinanzas de ámbito cultural e outro que pon cifras ás demandas e prácticas culturais da mocidade galega. Está previsto que de aquí a final de ano se presente un informe sobre as corais en Galicia e outro arredor do valor do galego. A nivel patrimonial, a institución acometeu o informe sobre a inscrición en pedra dedicada a José Antonio Primo de Rivera na fachada oeste do Convento de San Paio de Antealtares e o traslado da placa histórica do Batallón Literario compostelán de 1808, así como dous informes máis. No apartado de asesoría emitíronse dous informes para a declaración de ben de interese cultural (zona arqueolóxica de Adro Vello, na parroquia de San Vicente do Grove, da moeda denominada Sestercio de Augusto). Actualmente, está en tramitación outro sobre a cheminea da Central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez. Por último, tamén se realizaron 14 informes de impacto ambiental.