----

Unha xornada analiza un proxecto pioneiro de educación patrimonial

Afondar no proxecto de educación patrimonial levado a cabo no Colexio de Nosa Señora da Antiga, en Monforte de Lemos, é o obxectivo da xornada O Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos, Lugo). Un exemplo de educación patrimonial. A actividade, que forma parte das accións con que o Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora o Día do Patrimonio Mundial, desenvolverase ata o sábado nas instalacións do propio colexio. A cita, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e Mar Bóveda López, forma parte das actividades desenvoltas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG. Na súa inauguración participarán Rosario Álvarez, presidenta do CCG; José Tomé Roca, alcalde do Concello de Monforte de Lemos; María del Carmen Martínez Insua, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Francisco Javier Agudo, xerente da Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga, e Mª del Mar Bóveda López, coordinadora do encontro. A sesión non se poderá seguir en directo, pero será gravada e estará proximamente dispoñible na hemeroteca do CCG.

Durante a elaboración do expediente de incoación como ben de interese cultural (BIC) do Colexio de Nosa Señora da Antiga, a institución desenvolveu unha iniciativa pioneira na nosa comunidade: articulou un proxecto de educación patrimonial co que buscaba incorporar unha nova e necesaria perspectiva relativa ao valor social do ben en cuestión. Na xornada afondarase nese proxecto educativo, analizarase o edificio como elemento patrimonial e amosaranse os traballos de rehabilitación que se están executando. Así mesmo, os relatores profundarán nos procesos de participación social que se desenvolveron no marco da declaración do colexio como BIC.

O programa
A actividade dará comezo na tarde do venres, día 18, cunha mesa redonda moderada pola xornalista Mª Xosé Porteiro. Nela, a arquitecta Luísa Serrano e a historiadora e restauradora Mª Dolores Lago achegarán o estudo documental realizado para a declaración como ben de interese cultural do Colexio de Nosa Señora da Antiga. A importancia que tivo a participación social nese proceso será o eixe temático do relatorio de Mª del Mar Bóveda, educadora e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela. Pola súa banda, Pablo Blanco, director do Colexio Padres Escolapios, xunto con alumnado do propio centro, amosará o proxecto educativo executado.
A sesión do sábado, día 19, inaugurarase coa conferencia “A historia do edificio de Nosa Señora da Antiga e os proxectos de rehabilitación recentes”, a cargo de Francisco Javier Agudo, xerente da Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga, e do arquitecto responsable das obras de rehabilitación do edificio, Manuel Freire. Posteriormente, ambos, xunto co director do Colexio Padres Escolapios, realizarán unha visita institucional ás obras de rehabilitación, que se completará con outra ao edificio e ao museo guiada por alumnado da ESO do colexio.

O centro
O Colexio de Nosa Señora da Antiga está actualmente xestionado por unha fundación que leva o mesmo nome. Foi mandado construír por D. Rodrigo de Castro Osorio (1523-1600), cardeal de Sevilla, na visita que fixo a Santiago de Compostela en 1590 con tres obxectivos: que fora centro de cultura para Galicia, panteón familiar e museo de arte. Inicialmente, foron os xesuítas os encargados de dirixir a construción e rexentar o colexio, ata que son expulsados en 1767 por orde de Carlos III. Ata o momento en que os escolapios asumen a rexencia do colexio en 1873, este mudou varias veces de función: Real Seminario, Centro Real Colexio de Humanidades e Belas Artes e Instituto Provincial de Lugo, etapa que tivo como consecuencia a ruína do edificio. En 1873 os escolapios fanse cargo do colexio, tras asinar un contrato co conde de Lemos, D. Jacobo Fitz James Stuart. Ese mesmo ano comeza o curso escolar con 153 alumnos, o cal segue en funcionamento 146 anos máis tarde. Hoxe o centro vive un novo proceso de renovación, como se amosará durante as xornadas.