----

A biografía de Alfonso Zulueta entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia incorpora este venres a entrada de Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 1924-2017) figura destacada para a cultura galega e presidente do Consello da Cultura Galega (CCG) entre 2002 e 2006. “Un home con fondas conviccións cristiás, de trato amable e acolledor, que puxo a súa vida ao servizo dos demais, especialmente dos discapacitados intelectuais, e tamén de Galicia, comprometéndose con ela na política, na cultura e na súa profesión” asegura Francisco Domínguez, na coda que acompaña a súa biografía.

Alfonzo Zulueta de Haz naceu no seo dunha familia da burguesía viguesa. Estudou bacharelato no colexio Labor de Vigo e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, trasladándose logo a Madrid para preparar a oposición a notarías. Tras aprobar as oposicións exerceu de notario en Gaucín (1956-1961), Marín (1962-1978), Ferrol (1978-1980) e Vigo (1978-1994), cidade na naceu, se xubilou e morreu. En cada un dos seus destinos profesionais mantivo unha intensa actividade social e cultural da que dá conta a súa entrada biográfica. En Gaucín, pobo branco malagueño, o autor da entrada, Francisco Domínguez, destaca ter fundado o “Patronato de Educación e Cultura, cunha escola atendida por un mestre da localidade onde se impartía formación, incluso preparando oposicións a Correos ou á Garda Civil, para liberar á xente da servidume do campo, organizando amais charlas e exposicións culturais”. Na súa estadía en Marín, participou na creación do cineclube e do Ateneo de Pontevedra. Ademais, xunto coa súa muller, foi especialmente activo en asistir aos discapacitados intelectuais, e polo que crearon “a Asociación Juan XXIII, sen ánimo de lucro, para proporcionar atención, formación e traballo a estas persoas”. E posteriormente a Fundación Tutelar Galega Sálvora que, segundo a entrada “asesora xurídicamente ás familias dos discapacitados intelectuais e asegúralles atención e coidados, así como a súa representación legal, para cando elas non poida facelo por defunción ou vellez”. Unha actividade que mantiveron ata a súa morte.

Pouco antes do tempo en que estivo na notaría de Ferrol, fundou na clandestinidade, con Xosé Luís Fontenla Rodríguez, Domingo Fernández del Riego, Francisco Domínguez e outros, o Partido Galego Socialdemócrata (PGSD). Foi o seu presidente (1974-1978) e candidato por Pontevedra nas primeiras eleccións de 1977, en coalición co Partido Popular Galego de Xaime Isla. “A política non proporcionou oportunidades á opción galeguista e en 1984 deixa o PG ao ser absorbido por Coalición Galega” asegura a entrada.

A inesperada morte de Carlos Casares, fixo que Alfonso Zulueta de Haz pasase a ser presidente do CCG ata 2006. Neste período destacou, sobre todo, no desenvolvemento do proxecto Sarmiento para dar a coñecer o legado inédito do erudito.

Participou de numerosas entidades como a Fundación Castelao, Fundación Otero Pedrayo, Fundación Isla Couto, Fundación Losada Diéguez, Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Ateneo de Pontevedra, Fundación Wenceslao Fernández Flórez e o Instituto de Estudios Vigueses. Con todo, destacou o seu vínculo coa Fundación Penzol, da que foi padroeiro, vicepresidente e presidente. Xogou un papel moi activo nos acordos co concello de Vigo para conseguir tanto un espazo para a entidade na Casa Galega da Cultura e como do persoal técnico e infraestruturas para a xestión bibliotecaria e arquivística. Foi tal a implicación que á morte de Zulueta e a súa muller, cederon á Fundación a súa biblioteca e a colección de arte.

A súa entrada destaca as súas fortes conviccións relixiosas que permitiu a súa entrada na Sociedade de Estudos Publicacións e Traballos, SEPT, da que chegou a ser presidente. No seu seo impulsou a edición da Biblia en galego desde as linguas orixinais: hebreo, grego e arameo. Un longo proceso que durou 17 anos. Alfonso e a súa muller deixaron no seu testamento un legado económico para apoiar o labor editorial desta entidade.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Luis Ksado, Ernesto Chao, Xaime Isla Couto e Alexandre Raimúndez.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.